Ao acto celebrado no centro social Manuel Díaz Sampedro de San Cosme asistiron representantes do tecido asociativo barreirense, desde asociacións de veciños das distintas parroquias, asociacións culturais e deportivas, clubes de fútbol e as asociacións de pais e nais de alumnos dos dous colexios do municipio. Ante eles Ana Ermida defendeu que “Barreiros ten que ter democracia e a xente ten que poder falar” e para iso propuxo que “os plenos municipais teñen que valer para que a xente leve os seus problemas e propostas”. “Elaboraremos un regulamento de participación cidadá para que non só as concelleiras e concelleiros poidan falar nos plenos, senón tamén as asociacións e a veciñanza, para que así as veciñas e veciños teñan voz e voto cada día e non cada catro anos”.
A cabeza de lista do Bloque defendeu tamén que ten que haber “total transparencia” nas contas do Concello. “As veciñas e veciños teñen que saber cantos cartos ten o Concello e decidir onde se van gastar, nós faremos orzamentos participativos e os asuntos e as contas do Concello faranse públicas a través da súa publicación na páxina web municipal, para que todos os veciños e veciñas de Barreiros saiban a que se dedican os seus impostos”, comprometeuse.
“Un concello vivo”
O BNG defende que “Barreiros ten que ser un concello vivo” para o que se ofrece a “colaborar con todas as asociacións que hai no municipio, que son moitas, e que fan en moitos casos o traballo que o Concello non fai por desidia e falta de interese”. Para iso, se o BNG consegue a alcaldía o vindeiro domingo, “as actuacións culturais, deportivas, sociais ou de outro ámbito que se leven a cabo desde o Concello faranse de xeito coordinado e en colaboración coas asociacións ou organizacións existentes”, avanza Ana Ermida. Con ese obxectivo, o Bloque creará Consellos Municipais sectoriais para cada ámbito e Consellos Parroquiais “para escoitar aos veciños e ás asociacións e que sexan parte do Goberno municipal”. O Bloque tamén se compromete a “garantir a igualdade de trato entre as distintas asociacións” e crear unha liña de axudas “podendo acceder ás mesmas en base a criterios públicos, obxectivos e iguais para todas elas”.
Darlle uso aos locais sociais que hai nas parroquias
Dentro do obxectivo de dinamizar as distintas parroquias, o BNG quere aproveitar as antigas escolas, teleclubs e locais sociais das parroquias para convertelos en “espazos polivalentes e con actividade continua” para a creación cultural e artística (locais de ensaio para grupos de música, espazos para intercambio de traballo creativo, salas de exposicións, etc.), espazos habilitados para uso lúdico e formativo (obradoiros de carpintería, automoción, novas tecnoloxías, clases de música, etc.) para que as mozas e mozos poidan ocupar o seu tempo de lecer con alternativas saudables e de proveito, e como espazos para esparcimento e saúde das persoas maiores: achegar servizos como podoloxía, fisioterapia, etc. ao tempo que se impartan actividades destinadas a ese público.
Habilitación dun edificio público para ser usado por persoas autónomas que precisen dunha oficina ou despacho de atención ao público, de xeito que supoña axuda ao emprendemento laboral e abaratamento dos costes de traballar por conta propia.
“Alfonso Fuente non se atreve a debater co Bloque”
A candidata á alcaldía do BNG loubou a iniciativa asinada por 23 asociacións de Barreiros para que se celebrara un debate público entre as distintas formacións políticas que se presentan á alcaldía e criticou a “cobardía política” do candidato do PP, Alfonso Fuente, “que se negou a vir ao debate porque non se atreve a debater co Bloque”. Ana Ermida dixo que “con esta actitude antidemocrática Alfonso Fuente deixou patente o seu concepto de transparencia e participación e o seu desprezo polo traballo das asociacións”. “O alcalde non dá a cara, o Bloque si”, concluíu a cabeza de lista do BNG.