Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz confirma que o PP elimina o servizo de urxencias do centro de saúde

x centrosaude-foz reserva2Foz, 19 de maio de 2015.- O BNG de Foz ten dados confirmados de que o PP elimina o servizo de urxencias que viña funcionando no Centro de Saúde.

Segundo Lorena Seivane “o servizo de urxencias foi unha das conquistas sociais máis importantes dos veciños e veciñas de Foz despois de que o PP lle negara un PAC a Foz no mapa sanitario”. Despois de moitas manifestacións e mobilizacións a Xunta non tivo máis remedio que poñer un servizo de urxencias de luns a venres, de 3 da tarde a 10 da noite. Este servizo veu funcionando ata hai ben pouco, cando a Xunta gobernada polo PP decidiu recortar este servizo de cinco días a tres (hoxe so hai urxencias no Centro de Saúde o luns, mércores e venres).

O BNG apoiou en todo momento e durante moitos anos a reivindicación do servizo de urxencias as 24 horas que a sociedade demandaba e que sempre foi a loita da Comisión focega en defensa da sanidade pública. Agora, segundo informacións fidedignas que lle chegaron ao BNG xunto coas opinións que se recollen de moitos usuarios parece que o PP acaba definitivamente co servizo de urxencias en Foz. Lorena Seivane é moi clara ao respecto: “o PP sempre se opuxo ao servizo de urxencias en Foz. Creo que os focegos e focegas non deberiamos permitir isto porque supón un servizo importante que ademais desconxestiona o servizo de urxencias do Hospital da Costa”.

Deste xeito os usuarios do centro de saúde pola tarde non teñen información sobre este novo cupo, descoñecen o circuíto de acceso ás urxencias do Hospital da Costa, os facultativos en quenda de tarde deben repartirse ó seu criterio as urxencias existentes e o persoal administrativo descoñece o criterio para engadir pacientes ó cupo recén creado.

En definitiva, unha nova mostra da falta de sensibilidade coa saúde das focegas e focegos por parte do Sergas coa aceptación calada do alcalde de Foz, que tamén apoiou o recorte do servizo de ambulancia de noite, que non esixe a reposisición das baixas do persoal sanitario e cala respecto á cobertura da pediatra. Para el só hai agradecementos á Xunta de Galicia, en cada unha das faltas de respecto á cidadanía de Foz.

Lorena Seivane, candidata á alcaldía polo BNG-Asembleas Abertas, declarou que “dende o BNG-AA seguiremos a defender unha sanidade pública de calidade suficientemente dotada e non calaremos diante dos recortes continuos da Consellería de saúde”.

Exit mobile version