Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz esixe de Castiñeira unha rectificación polas falsas acusacións no caso das urxencias

Foz, 30 de maio de 2015.- O BNG de Foz esixe do candidato do PP, Javier Jorge Castiñeira, unha rectificación nas súas declaracións cando acusaba a semana pasada ao BNG, á súa candidata Lorena Seivane e ao persoal do Centro de saúde, de mentir e de colocar unha folla informativa dentro do propio centro.

O Sr. Castiñeira mentiu cando negou que o Centro de Saúde non perdía o servizo de urxencias. Hoxe todos os veciños e veciñas de Foz poden comprobar -se non o comprobaron xa- que isto é unha realidade. Tamén o Sr. Castiñeira mentiu cando acusou ao BNG de colocar unha folla co logotipo e o selo do SERGAS informando deste feito na porta de entrada do centro cando se comprobou que fora o propio Sergas quen o mandara colocar e despois retirar. Esta acusación falsa é moi grave e está tipificada como delito no código penal con penas de cárcere de seis ata dous anos e multas de 12 a 24 meses.

Para o BNG, un candidato dun partido político non pode pretender chegar a alcalde de Foz cando calumnia e acusa falsamente a alguén de algo que sabe, ou polo menos dubida, que sexa certo. Por este motivo, sería totalmente imprescindible que para poder ter algún tipo de contacto ou conversa co candidato do PP sobre a constitución da próxima corporación, o Sr. Castiñeira tivera a consideración e a valentía de asumir a súa culpa e pedir perdón público, algo que certos políticos deberían practicar máis habitualmente.

Agora que se demostrou que todo iso era falso e que quen mentía era o Sr. Castiñeira, o BNG pídelle que declare publicamente que o servizo de urxencias no Centro de Saúde foi eliminado polo Servizo Galego de Saúde e que a folla informativa foi mandada colocar polo propio Sergas e que o BNG non tivo nada que ver con este asunto. Lorena Seivane foi clara ao respecto: “ou o Sr. Castiñeira pide desculpas ou non temos nada que falar con el”.

Mentres tanto, e porque para o BNG o importante son os servizos públicos, seguiremos na loita e na reivindicación dunha sanidade pública de calidade, que foron os veciños e veciñas de Foz, co apoio do BNG quen a conseguiron e a caladas e a conta gotas nos están retirando.

Exit mobile version