Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz propón “un compromiso por Foz” ós demais partidos

Foz, 18 de maio de 2015.- O BNG de Foz propón un COMPROMISO aos demais partidos políticos que se presentan a estas eleccións coa finalidade de que independentemente de cal sexa a constitución e a representación de cada un na próxima corporación se poñan enriba da mesa como prioritarios para levar a cabo na lexislatura.

Segundo Lorena Seivane “non penso que o problema de Foz hoxe sexa se se pode comer tortillas ou non no campo de ramos. Debemos ser máis serios e comezar por poñernos de acordo no que é máis urxente e principal para o concello”. Desde o BNG-AA plantexamos cinco puntos que cremos que deberían considerarase como prioritarios e concluír a súa execución para calquera goberno saínte das eleccións municipais do próximo día 24.

O primeiro punto é o compromiso polo emprego. Poñer en marcha un viveiro de empresas para xoves emprendedores onde se ofrezan oficinas e asesoramento nunhas condicións vantaxosas e un plan de emprego municipal que teña unha duración de varios anos.

O segundo e non menos importante é o compromiso polos servizos sociais para melloralos e amplialos (residencia, centro de día, centro de saúde, escola infantil,…). O acordo pasaría por ir xuntos á hora de defender os servizos que temos diante das administracións competentes así como conseguir novos servizos como xantar na casa ou un piso tutelado.

O terceiro sería un compromiso polo territorio coa aprobación definitiva do PXOM, rematar os servizos básicos nas parroquias e resolver definitivamente o problema da depuradora para non deixar pasar outra lexislatura sen darlle unha solución.

En cuarto lugar un compromiso pola limpeza do Concello na que se incluiría o adecentamento de vías públicas e zonas comunitarias, sinalización, accesos, eliminación de barreiras, cumprimento de ordenanzas, plan de limpeza de pistas, coidado dos montes,…)

O quinto un compromiso pola participación e a democracia, creando canles e órganos para darlle voz e voto as asociacións veciñais e sectoriais do Concello que xogan un papel fundamental para que as cousas saian adiante.

Lorena Seivane afirma que “non lle parece algo imposible de alcanzar e depende de todos que isto poida levarse a cabo. So hai que pensar máis en común e menos en particular. Se podemos poñernos de acordo nestes puntos Foz avanzará, que no fondo é o que todos queremos”.

Lorena Seivane García
Candidata á alcaldía polo BNG-AA.

Exit mobile version