Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG do Valadouro asegura que “o candidato do PP anda vendendo méritos alleos” e mantén abandonada a pista de andadura

En declaracións recentes a unha emisora de radio, o señor Lamela -candidato do PP á alcaldía do Valadouro- atribuíuse o feito de ter conseguido para o municipio unha infraestrutura de tanta importancia para a comarca como a pista de andadura destinada á práctica de deportes ecuestres.

Dende o BNG queremos puntualizar e describir a xestión desenvolvida para que O Valadouro sexa hoxe un referente no ámbito dos aficionados aos deportes ecuestres:

-O colectivo local APREVAL lanzou a idea, fomentou acertadamente o interese e iniciou os trámites para dotar o noso concello dunha pista de andadura para cabalos, na que desenvolver competicións e eventos vinculados aos deportes ecuestres, actividades con grande afición no Valadouro, onde mesmo contamos con xinetes premiados en probas de ámbito autonómico.
-APREVAL recibiu o apoio do BNG local, formación que xestionou ante a Deputación de Lugo unha aportación económica de aproximadamente 60.000 euros para facer realidade o proxecto.
-O Concello do Valadouro aportou aproximadamente 40.000 euros de fondos facilitados pola Xunta de Galiza.

Todo isto pode confirmalo o presidente do colectivo APREVAL.

Se o sr. Lamela ten que apropiarse dos méritos das outras formacións políticas, queda ben claro que non pode presumir dos propios, entre outras cousas porque carece deles.

A xestión municipal do sr. Lamela (afortunadamente breve) á fronte do Concello do Valadouro caracterizouse pola ausencia de iniciativas e polo incumprimento de acordos; lembremos que o BNG deulle unha marxe de confianza coa condición de que desbloquease o proxecto do polígono industrial, o único que fixo o sr. Lamela foi beneficiarse do acordo e incumprilo totalmente.
Con esta actuación tan pouca seria que vimos de describir, e máis coa apropiación do logro da pista de andadura, o sr. Lamela deixa ben claro cal é a súa estratexia para atraer votantes e apoios, prometer fume.

Grazas ao noso traballo e ás nosas iniciativas, nós, o BNG, cando nos diriximos aos cidadáns, explicamos feitos, e tamén proxectos para o futuro. Grazas ao noso traballo non temos que facer algo tan baixo como utilizar os méritos dos demais, chéganos con explicar os nosos logros e xestións para O Valadouro.

Por outra banda, queremos sinalar que discrepamos totalmente da maneira de proceder do actual goberno local con respecto á pista de andadura. Trátase dunha infraestutura que precisa un mantemento que non se está a dispensar por parte dos responsábeis municipais; é preciso retirar a maleza periodicamente e mantela en condicións de uso.
Dende o BNG observamos de xeito positivo que no futuro sexa o colectivo APREVAL quen xestione esta infraestrutura, xa que son os usuarios quen mellor saberán convertela nun atractivo local e sinalar os coidados precisos, pero somos coñecedores de que o goberno local trata de impoñer condicións inaceptábeis no convenio que ambas partes (Apreval e Concello) teñen barallado.

Unha das primeiras medidas que tomará o BNG ao chegar ao goberno municipal do Valadouro será negociar un convenio xusto e asumíbel con APREVAL, un convenio que lles resulte atractivo aos aficionados, e non un acordo con cláusulas inasumíbeis. Trátase de facilitar que os aficionados aos cabalos poidan gozar desta infraestrutura e dende o Concello debe facilitarse a utilización e funcionamento, nunca poñer obstáculos con formalismos burocráticos nin tela abandonada e chea de maleza.

Consideramos unha grave irresponsabilidade por parte dun alcalde que se di de esquerdas, ignorar na xestión de bens e recursos propios unha infraestrutura que supuxo un grande desembolso de diñeiro público, pois esa actitude está a evidenciar unha pésima xestión dun complexo deportivo construido cos cartos dos cidadáns.

A cidadanía do Valadouro é coñecedora dos logros e xestións de cada formación política, pero tamén é coñecedora dos deméritos e incumprimentos dalgún representante municipal. Aínda así, cando as falsedades se divulgan dende os medios de comunicación é preciso desenmascaralas, do mesmo xeito que os electores desenmascararán o día 24 aos candidatos que venden fume e méritos alleos.

O Valadouro, 21 de maio do 2015.

Eduardo Chao González
Concelleiro do BNG no Valadouro e candidato á alcaldía.

Exit mobile version