Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG preséntase como “garantía de seriedade, trasparencia, honradez e bo goberno para os Concello da Mariña”

A Mariña, 7 de maio de 2015.- O BNG preséntase ás eleccións do vindeiro 24 de maio na comarca da Mariña co obxectivo de mellorar os resultados acadados hai catro anos, nos que os nacionalistas conseguiron máis de 10.000 votos na comarca, unha porcentaxe próxima ao 20%, 35 concelleiros, un deputado provincial, o actual vicepresidente da Deputación Antonio Veiga, e as alcaldías de Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto.

“O BNG é unha forza política de referencia na comarca da Mariña porque os veciños e veciñas saben que a xente do Bloque somos de fiar e somos unha garantía para os Concellos da Mariña, unha garantía de seriedade, transparencia, honradez e bo goberno para todos os Concellos e demostrámolo”, afirma a responsable comarcal do BNG, Ana Ermida.

Os nacionalistas farán unha campaña participativa e de contacto directo cos veciños e veciñas, que arrincará hoxe con pegadas de carteis nas principais vilas da Mariña e que estará centrada nos temas da comarca, cun discurso centrado na defensa dos servizos públicos fronte aos recortes acometidos polos gobernos do Partido Popular, no impulso á democracia e a transparencia para poñer os Concellos ao servizo dos veciños e veciñas e en destacar o bo traballo feito polos gobernos do BNG nas alcaldías de Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto.

Presenza de Xavier Vence e outros cargos nacionalistas na Mariña durante a campaña
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, visitará a comarca o vindeiro mércores, día 13, e o 17 estará en Mondoñedo e Viveiro o portavoz nacionalista no Parlamento Galego, Francisco Jorquera. O responsable de pesca do BNG no Parlamento, Dani Rodas, estará en Burela o día 15, a eurodeputada do BNG Ana Miranda o 19 en Ribadeo e o parlamentario Cosme Pombo o 20 en Barreiros. Tamén o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, fará unha intensa campaña na comarca, con diversos actos, para destacar o seu traballo á fronte da Vicepresidencia da Deputación, que atendeu de maneira moi especial a comarca da Mariña nestes anos.

200 persoas integran as listas do Bloque na comarca

A responsable comarcal do BNG destaca “o compromiso das persoas que integran as candidaturas do BNG” e explica que “a frescura e a presenza da mocidade son protagonistas nas listas do Bloque na Mariña”, onde das máis de 200 persoas que integran as candidaturas nacionalistas máis da metade son persoas independentes que non militan no BNG e en moitos casos que nunca participaran en política. Outro dos datos que destaca Ana Ermida é que a media de idade das persoas cabeza de lista non supera de media os 35 anos, algo que evidencia que “o Bloque é unha forza de futuro e en ascenso na Mariña”.

MURAS: Manuel Requeixo Arnexo

O VICEDO: Adrián Piñón Domínguez

VIVEIRO: Bernardo Fraga Galdo

XOVE: Marco López López

CERVO: Ramón Luís Bernardo Ínsua

BURELA: Mario Pillado Mon

FOZ: Lorena Seivane García

BARREIROS: Ana Ermida Igrexas

RIBADEO: Fernando Suárez Barcia

TRABADA: María Xosé Fernández Fernández

A PONTENOVA: Mónica Rancaño Freire

RIOTORTO: Federico Gutiérrez Estoa

O VALADOURO: Eduardo Chao González

Exit mobile version