Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG sube en porcentaxe e número de votos e pasa de 33 a 40 concelleiros na comarca da Mariña

A Mariña, 26 de maio de 2015.- A responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, califica de “bos” os resultados obtidos polos nacionalistas na comarca da Mariña, onde o Bloque subiu en número de votos e en concelleiros e recurtando distancias co PP e o PSOE. “Subimos en número de votos e en concelleiros na comarca, onde pasamos de ter 33 edís a ter 40. Os cidadáns e as cidadás da Mariña confían cada vez máis no BNG”, explica Ana Ermida.

A Executiva Comarcal do BNG da Mariña reuniuse onte pola tarde para analizar os resultados obtidos nas eleccións do pasado domingo na comarca, que califican de “positivos”. O Bloque obtivo na Mariña 10.057 votos, que supoñen unha porcentaxe de voto do 23,31%, dous puntos máis que hai 4 anos. En termos absolutos, o BNG foi a forza política que máis subiu na comarca (394 votos), fronte aos 240 do PSOE (que pasou de 13.091 a 13.331 votos) e á forte caída do PP, que baixou 6.521 votos na Mariña, pasando de 22.894 a 16.373 votos.

Ana Ermida afirma que “está claro que os veciños e veciñas da Mariña castigaron claramente nas eleccións deste domingo ás políticas antisociais e de recortes do PP e a súa falta de compromiso coa comarca da Mariña en cuestións como as infraestruturas e apostaron en moitos concellos polo BNG porque defende á Mariña, os servizos públicos como a sanidade e a educación e políticas a favor da xente”.

O BNG logra as alcaldías de Ribadeo e Muras e subidas importantes en Burela, Foz, Xove e Barreiros
O BNG consegue reforzar as súa posición en Ribadeo, onde logra maioría absoluta con 10 concelleiros, pero Ana Ermida destaca especialmente a consecución da alcaldía de Muras por parte do Bloque. “Muras terá un goberno nacionalista e achegado á xente con Manuel Requeixo como alcalde despois de décadas de políticas caciquís, autoritarias e antidemocráticas do Partido Popular”, afirma Ana Ermida.

A responsable comarcal do Bloque destaca tamén as importantes subidas dos nacionalistas en concellos como Burela, Foz, Xove ou Barreiros. Con todo, os nacionalistas lamentan a perda das alcaldías de Mondoñedo e Riotorto “por unha escasa marxe de votos” e achácano “ao desgaste de 8 anos de Goberno”.

Exit mobile version