Pola súa banda, o candidato nacionalista Mario Pillado, propuxo limitar o soldo do alcalde e reducir o gasto en dietas dos órganos de goberno. “A transparencia no gasto público é unha das prioridades do BNG para o Goberno Municipal, e nese sentido, o soldo do alcalde ten que estar en función das responsabilidades derivadas do cargo, mais tamén ten que adaptarse á realidade socioeconómica de Burela. Por iso consideramos que hai que pór un teito razoábel ás dedicacións e controlar o gasto en dietas dos órganos de goberno”, indicou Pillado.
Reducir impostos e aplicar unha fiscalidade progresiva
O BNG tamén estudará a baixada de impostos para particulares e autónomos, así como aplicar exencións e bonificacións para persoas desempragas e para o comercio local.
Mario Pillado destacou que é fundamental que o Concello faga unha “previsión realista de ingresos”, tendo en conta a constante redución das achegas que proveñen doutras administracións. “Trátase de rebaixar a presión fiscal sobre as rendas máis baixas e ao tempo facilitar o acceso a servizos que consideramos esenciais”, subliñou.
Nesta liña defendeu a implantación de bonificacións e exencións na taxa do lixo e nas taxas de servizos básicos segundo os niveis de renda. Ademais considerou prioritario “mellorar as facilidades para o pago de tributos”, mediante a ampliación das fórmulas de fraccionamento ou permitindo aprazamentos para persoas sen ingresos.
Para Pillado, a modificación do IBI é outra das medidas imprescindibles para acadar unha fiscalidade progresiva e máis xusta. Neste sentido explicou que o BNG propón solicitar unha revisión catastral e reducir as taxas aos pequenos e medianos comercios.
Propostas para potenciar o tecido asociativo e mellorar a calidade de vida
Mario Pillado anunciou outras das propostas do BNG, como apoiar ao tecido asociativo, mediante convenios de colaboración e axudas públicas, acondicionar a antiga praza de abastos e habilitar locais para as asociacións. Tamén anunciou que o BNG traballará para mellorar a habitalidade da nosa vila coa creación de zonas de xogo, espazos para a práctica deportiva de rúa, rúas peonís e medidas para a conservación e posta en valor do patrimonio local. Pillado tamén indicou que será preciso “habilitar canceiras e gateiras para animais abandonados, realizar campañas de estirilización e estudar a creación de espazos para mascotas”.
Mario Pillado criticou o oportunismo do PP
O candidato do BNG-Asembleas Abertas aproveitou para lanzar críticas ao PP, polos anuncios electoralistas en relación a distintos asuntos. Para Pillado, trátanse de “auncios oportunistas e que non teñen ningún tipo de credibilidade”, en alusión á reparación das goteiras nun centro de ensino. “O PP non fixo os deberes nestes catro anos á frente do Concello e aínda non foi capaz de cambiar a cuberta de amianto do pavillón dos Castros, unha obra que non pode agardar e debe ser prioritaria na próxima lexislatura”, apuntou Pillado. O PP deixou moito por facer, como a construción dos vestiarios da Marosa, a declaración de Espazo Natural de Interese Local da zona xeolóxica, a nova estación depuradora… “O BNG está avalado polo traballo, polo rigor e pola seriedade. Esas son as nosas credenciais, e por iso Burela precisa un goberno do BNG a partir do próximo 25 de maio”, conclueu o candidato nacionalista.