Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Foz logrou seis bandeiras azuis para as praias, unha máis que o ano pasado

Foz, 14 de maio de 2015.- O concello de Foz logrou seis bandeiras azuis para as praias, unha máis que o ano pasado, e tamén conseguiu a distinción de sendeiro azul para o paseo de A Rapadoira a Llas.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, manifestou que “no concello de Foz temos que felicitarnos porque vimos de recibir a notificación de que seis das nosas praias van ter a bandeira azul, unha máis que o ano pasado. E ademais seguimos tendo a distinción para o paseo de A Rapadoira a Llas. Son 7 bandeiras azuis coas que se sigue valorando a calidade das nosas praias, que son un referente turístico; e, xunto con Barreiros, o concello de Foz e o que máis bandeiras azuis ten da provincia de Lugo”.

O rexedor municipal especificou que “este ano van ter bandeira azul a praia da Rapadoira e tamén o paseo que vai dende este areal ata Llas; esta praia tamén terá esa distinción; e ademais contarán con ela os areais de Peizás, As Polas, Xuncos e Areoura. Quedou sen bandeira azul nesta ocasión a praia de Arealonga, porque houbo obras durante todo este ano no espigón dese areal e se non se estiveran facendo eses traballos de arranxo dese espigón, que quedou moi danado durante os temporais, seguramente teríamos a sétima bandeira azul en praias, que sería a oitava en total”.

Javier Castiñeira rematou comentando que “estamos moi satisfeitos por conseguir unha bandeira azul máis que o ano pasado e para vindeiras anualidades temos o obxectivo de poder acadar tamén para a praia de Arealonga esa distinción que ben merece”.

Exit mobile version