Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro súmase á campaña “Quere o teu mercado” e celebra o Día do Mercado cunha actuación musical

O Concello de Viveiro colabora coa Xunta de Galicia na celebración da campaña “Quere o teu mercado”, que se está a desenvolver durante a segunda quincena do mes de maio en máis de 50 mercados de Galicia. Esta iniciativa, que segue o modelo da campaña “Love your local market”, desenvolta pola Asociación Nacional de Autoridades de Mercados do Reino Unido e extendida de forma internacional a través da World Union of Wholesale Markets, pretende visualizar, promocionar e activar os mercados, incentivando a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.

Entre as actuacións a desenvolver dentro desta campaña, inclúese o reparto de material promocional ou actuacións varias organizadas en todos os concellos para o 30 de maio de 2015, data na que se celebrará en toda Galicia o Día do Mercado.

No caso do Concello de Viveiro, o Grupo de Gaitas do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro actuará na Praza de Abastos de Viveiro o Día do Mercado, sábado 30 de maio de 2015, ás 12:30. Así mesmo, ao longo desa xornada e dos dous días precedentes, a praza decorarase con banderolas de cores e entregarase o material promocional, que inclúe piruletas e globos para todos os visitantes do mercado, bolsas de tela co logo da campaña para os clientes que merquen no mercado ese día e mandís para os praceiros.

Viveiro, 26 de maio de 2015.

A Alcaldesa en funcións,
María Loureiro García

Exit mobile version