Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno de Burela ve “ignorancia nas cuestións municipais” en certas proposras dos partidos da oposición

Burela, a 15 de maio de 2015.- O Equipo de Goberno do concello de Burela manifestou este venres que “nos programas electorais dos catro grupos políticos da oposición se ve bastante ignorancia sobre as cuestións municipais, sobre de todo en certas propostas que se fan coa intención de ser un gran atractivo electoral”.

O Goberno burelés considera “inadmisible que o PSOE anuncie a revisión catastral, cando esta xa se solicitou o día once do mes de decembro, o que demostra a falla absoluta de interese polo asunto da contribución urbana, ou gañas de confundir ós cidadáns”.

“Máis sorprendente aínda é a proposta dunha administración transparente ou dunha administración aberta as vinte e catro horas do día. As persoas que prometen iso están totalmente erradas e demostran non ter nin idea de cómo funciona o Concello de Burela, xa que levamos xa algo máis de dous meses coa administración electrónica funcionando, o que da transparencia, eficiencia e eficacia ó administrado; con esta ferramenta calquera persoa pode presentar calquera tipo de escrito a calquera hora do día, de feito as facturas xa se presentan practicamente todas a través desta ferramenta. Por outra parte, ningunha administración está aberta ó público as vinte e catro horas do día”, sinalan desde o Equipod e Goberno.

Para o goberno burelés, “pedir a independencia da Secretaría e da Intervención Municipal non ten ningún sentido, pola sinxela razón de que os dous postos son de habilitación nacional, as súas funcións están marcadas de forma precisa na lexislación vixente. En definitiva, unha mostra de descoñecemento, ignorancia, mala fe ou as tres cousas”.

Por último, e en relación coa adxudicación de contratos, o goberno burelés afirma que “se cumpre estritamente coa normativa vixente, de feito o número de recursos presentados contra algunha adxudicación ou contratación nestes catro anos é igual a cero. A propia web do concello ten un link para o perfil do contratante, e a plataforma da administración electrónica propicia outro perfil do contratante”.

“É máis foi o propio Concello quen ten paralizado algún proceso de contratación ou adxudicación cando se detectaron anomalías por parte de certos ofertantes, como aconteceu en 2014 con unha obra vencellada ó aforro enerxético. A documentación obra na Secretaría do concello”, engaden.

Por todo iso, “pedimos que as propostas que se fagan en relación coa administración municipal sexan feitas con seriedade e rigor, e non se busque un rédito electoral demagóxico. En todo caso, non é nada malo interesarse antes de facer calquera proposta deste tipo, aínda que a raíz destes desatinos está na premura á hora de facer candidaturas, nas presas á hora de elaborar programas, e na busca demagóxica de votos a toda costa”, afirman desde o Equipo de Goberno burelés.

Exit mobile version