O CD Burela FS Pescados Rubén xa cumpriu un quinquenio nesta colaboración co IES Monte Castelo, nunha aposta conxunta, de valoración e difusión da práctica deportiva, na que ambas as entidades levan traballando dende o nacemento do club laranxa. Ademais de figurar como centro de traballo para o desenvolvemento formativo do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas, o club tamén organiza charlas educativas e conferencias relacionadas coa saúde e a práctica deportiva, como axuda prestada ao centro de ensino. Pola súa banda, o instituto burelao apoia a entidade laranxa a través de recursos humanos e materiais, cedendo as súas instalacións para diferentes proxectos e iniciativas.