Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade lamenta que varias localidades da comarca retomen os desfiles das raíñas das festas porque obxectifica ás mulleres

2 de maio de 2015.- O Observatorio da Mariña pola Igualdade recibiu con preocupación a nova de que as localidades de Lourenzá e Burela retomaron este ano a práctica de elixir a Magdalena (caso de Lourenzá) ou a raíña e damas das festas (caso de Burela). No caso do desfile de maio en Lourenzá, nel podían anotarse nenas e mozas de 10 a 17 anos, cuxa elección se elixiría por sorteo. No caso das festas patronais de Burela, a commisión organizadora pedía candidaturas para ser raíña e damas, tanto en idade infantil (7-8 anos) como adulta (de 17 a 25). Ambos os dous certames estaban reservados exclusivamente a poboación feminina.

Desde o colectivo mariñán, denúnciase que este tipo de eventos son exemplos de micromachismos, pequenos xestos de apariencia inofensiva que en realidade están a perpetuar unha visión do mundo machista no que se exhibe e obxectifica o corpo das mulleres e das nenas. De feito, resulta preocupante a temperá idade á que comezan estes certames, por canto se interiorizan uns certos patróns de xénero e de beleza nas mozas desde a infancia. O Observatorio lembra que numerosos traballos (desde clásicos como El mito de la belleza, de Naomi Wolf, 1978) demostran como este tipo de eventos resultan perniciosos para a imaxe e o autoconcepto das mulleres, amais de discriminatorios con aquelas mulleres/nenas cuxas características físicas non casan do canon de beleza dominante, ou con aqueloutras que non dispoñen dos recursos económicos para facerlle fronte aos gastos que a confección dos traxes acarrea. Trátase, deste xeito, dun caso de violencia simbólica e dun mecanismo discriminatorio sutil que se fai pasar por cultural ou tradicional, con argumentos como a “libre elección” de presentarse ou a “ilusión” que lles fai desfilar de princesas. O argumento da “libre elección resulta de por si discriminatorio (quen non ten as características físicas esperadas, non elixirá presentarse probabelmente para evitar actitudes desaprobatorias), e é ademais un razoamento que non consideramos válido cando se usa noutros contextos para defender outro tipo de prácticas (como o uso do veo en espazos públicos). Se ben algunhas nenas/mozas poden ter “ilusión” en participar nestes desfiles, non debemos esquecer que é resultado da socialización que padecemos nunha cultura das princesas e dos contos infantís androcéntricos que estereotipa o papel das mulleres.

O Observatorio da Mariña pola igualdade, como asociación feminista de referencia na nosa comarca e en todo o territorio galego, recibiu varios emails con denuncias de veciñas e veciños da Mariña manifestando o seu malestar por este paso atrás na igualdade. Por todo iso, anima aos Concellos da comarca que prescindan deste tipo de actos nas súas festas, xa que non son propios do tempo no que vivimos e atrancan o avance cara a igualdade de xénero na que tanto mulleres como homes sexan realmente libres e non teñan que someterse a uns roles e expectativas atribuídas ao seu sexo.

Exit mobile version