Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para que o goberno demande a Noruega polo seu trato ós mariñeiros galegos xubilados

Santiago de Compostela, 27 de maio de 15. O Pleno do Parlamento aprobou este mércores por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para que a Xunta se dirixa ao goberno central e lle pida que demande a Noruega fronte ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos polo seu trato aos mariñeiros galegos xubilados.

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, instou ao goberno galego a cumprir efectivamente esta proposta, por canto é a segunda vez que é aprobada e o goberno central ten renunciado publicamente a presentar a demanda. Os mariñeiros vense desamparando e obrigados a presentar demandas particulares sen ter en moitos casos nin recursos económicos nin tempo material para afrontar un proceso tan longo.

Val Alonso esixiulle a Feijóo que “aproveite unha das súas viaxes a Madrid para presentarlle esta demanda a Rajoy” e abandone o seu desinterese pola situación deste colectivo. Sinalou que “no día de onte celebrouse no Ministerio de Asuntos Exteriores unha xuntanza á que non acudiu ningún representante do goberno galego”, malia que tiña o mandato parlamentario de implicarse con esta situación.

Os socialistas puxeron o foco sobre a situación destes en torno a 8.000 mariñeiros, que faenaron en buques noruegueses dende os anos 60 ata mediados os 90, e que veñen reclamando, a través da asociación Long Hope, o recoñecemento por parte daquel país dos anos traballados a bordo dos seus buques.

Estes mariñeiros atópanse hoxe co feito de que, logo de ter traballado pagando taxas e impostos en Noruega como calquera outro cidadán, o goberno noruegués utiliza o subterfuxio de que carecían da condición de residentes no país para non recoñecer o seu traballo. Deste xeito, aqueles anos non computan á hora de calcular as prestacións de xubilación en España.

O parlamentario socialista lembra que a propia UE recoñece un problema de desamparo legal para este colectivo e “ten proposto a negociación dun convenio bilateral con carácter retroactivo entre os dous países sobre o que nada se ten avanzado”. Os socialistas galegos consideran que Noruega está a vulnerar o Convenio Europeo de Dereitos Humanos ao discriminalos por razón de nacionalidade.

Iniciativa aprobada:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a que se dirixa ao Goberno do Estado para que presente unha demanda diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra o Estado noruegués por incumprir o Convenio Europeo de dereitos Humanos en canto á vulneración da prohibición de discriminación por razón de nacionalidade”.

Exit mobile version