Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz reclama aclaración ó PSOE sobre a conexión de dúas vivendas e un almacén da mesma familia ó subministro eléctrico da antiga escola obradoiro durante 10 anos

Foz, 6 de maio de 2015. O Partido Popular de Foz reclama aos representantes do PSOE que aclaren por que se permitiu que dúas vivendas e un almacén da mesma familia estiveran enganchados ao subministro eléctrico da antiga escola obradoiro durante 10 anos, cando os socialistas gobernaban no Concello focense. Este fraude ascende a case 35.000 euros.

O secretario xeral do PP de Foz, Juan Rivas, explicou que “o PSOE de Foz ten que aclarar por que se permitiu que unha familia estivera enganchada ao subministro eléctrico do Concello durante máis de 10 anos, ata finais do 2011. Reclamamos explicacións do Partido Socialista porque naquel momento estaba gobernando o Concello de Foz e moitos dos integrantes da lista do PSOE para as vindeiras eleccións municipais tiñan, naqueles momentos, cargos de responsabilidade municipal”.

Juan Rivas especificou que “concretamente na antiga sede da escola obradoiro había enganchado o subministro eléctrico para dous domicilios e un almacén da mesma familia e, segundo un informe técnico encargado polo Concello de Foz a un enxeñeiro, ditas vivendas e o almacén estiveron enganchados uns 10 anos, sendo a contía que suma ese gasto en subministro eléctrico próxima aos 35.000 euros. O Partido Popular ten constancia de que o Concello reclamou hai unhas semanas esa cantidade á familia, á cal tamén se lle enviou ese informe técnico, polo que dende o Partido Popular esperamos que se faga ese pagamento o antes posible, porque son cartos dos veciños de Foz que teñen que estar nas mans de todos os cidadáns”.

“Consideramos que por parte do Partido Socialista de forma irresponsable se permitiu que todos os veciños de Foz estiveran aboando a factura da luz das dúas vivendas e un almacén. Tamén resulta sospeitosa a relación dalgún dos membros de Unifoz, partido practicamente extinguido xa, con algún dos actuais integrantes da candidatura do Partido Socialista, que naquel momento eran os responsables das instalacións da escola obradoiro.

Estamos a falar dalgún concelleiro naquel momento e tamén dalgún responsable directo da escola obradoiro. E ademais, preguntámonos se este tema ten algo que ver con que a actual portavoz de Unifoz, e man dereita do señor Xaime Cancio durante estes últimos anos, estrañamente non vaia agora na lista do Partido Socialista, sabendo que nos cargos máis importantes inclúe basicamente a membros de Unifoz. Esperamos a reposta do señor Xaime Cancio sobre este asunto e se isto significa que sabía algo deste fraude eléctrico no que existe unha relación bastante sospeitosa entre membros de Unifoz e do Partido Socialista”, engadiron os populares focenses.

Exit mobile version