Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo aposta por potenciar os recursos naturais do municipio e por aproveitar o seu valor turístico

Mondoñedo, 8 de maio de 2015.- A candidata á alcaldía do Partido Popular en Mondoñedo, Elena Candia, explica que o PP na localidade apostará por potenciar os recursos naturais que ofrece o municipio coa finalidade de aproveitar o valor turístico das paisaxes mindoniense.

Candia asegura que a localidade conta con recursos de incalculable valor (Cova do Rei Cintolo, barrancos, rutas de sendeirismo…), que fan de Mondoñedo un destino idóneo para os visitantes, atraídos polo patrimonio natural.

Neste senso, a popular explica que o PP de Mondoñedo coincide con asociacións no valor natural da cidade que a converten nun destino idóneo, polo que “traballaremos cóbado a cóbado cos que saben”, para sacar adiante un programa que potencie os recursos que ofrece Mondoñedo.

Así, a popular matiza que, en colaboración con asociacións, “poñeremos en marcha o programa Turismo Verde”, para, entre outros obxectivos, acadar a recuperación, potenciación e mantemento das rutas de sendeirismo existentes e creación dalgunha nova; rutas a cabalo, rutas para quads, potenciación do barranquismo…

A popular quixo tamén agradecer a colaboración neste ámbito de dúas asociacións o Espeleo Club Rei Cintolo e a Asociación de Pescadores.

Polo tanto, o PP de Mondoñedo aposta polo turismo como motor económico para a cidade, sendo necesario potenciar o valor dos recursos naturais, xunto a outros como o do Camiño Norte, o das feiras e festas…

Exit mobile version