Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo fará unha aposta “clara” e “decidida” pola potenciación do Camiño Norte no municipio

Mondoñedo 7 de maio de 2015.- A candidata á alcaldía polo Partido Popular de Mondoñedo, Elena Candia, anunciou este xoves que o PP fará unha aposta “clara” e “decidida” pola potenciación do Camiño Norte ao seu paso pola localidade.

Así o comprometen os populares no seu programa electoral, onde expoñen a necesidade de levar a cabo un mellor aproveitamento deste “incalculable” recurso. Con esta finalidade, citan actuacións como a mellora de infraestruturas ou o compromiso de non trasladar o albergue de peregrinos fóra de Mondoñedo.

A candidata popular matizou que un uso eficiente dos recursos turísticos, cunha xestión operativa e dinámica, permitirá que o turismo sexa un motor económico para a cidade de Mondoñedo.

Forte aposta polo turismo
Nesta liña e co obxecto de potenciar o turismo, a maiores de apostar polo aproveitamento dos recursos que ofrece o Camiño de Santiago ao seu paso por Mondoñedo; os populares tamén inclúen no seu programa outras actuacións para a mellora deste sector.

Así na área de turismo, os populares integran a posta en marcha dun plan de sinalización e información; a promoción de festas gastronómicas ou o desenvolvemento do programa turismo verde (potenciación, mantementos das rutas de sendeirismo existentes e creación dalgunhas novas, rutas a cabalo, rutas para quads ou potenciación do barranquismo).

A maiores, Elena Candia anunciou que o PP tamén aposta pola recuperación dos oficios tradicionais e a potenciación da artesanía e promoción do barrio dos Muíños; pola posta en marcha dun cámping e pola tramitación da declaración das San Lucas como Feira de Interese Turístico Nacional, e tramitación do Mercado Medieval e da Rapa das Bestas.

Por último, coidar e potenciar o mercado medieval e o resto de feiras e festas (San Lucas, Remedios e Quendas…), é outro dos compromisos asumidos polo PP local.

Exit mobile version