Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Burela recuperará a xestión pública dos servizos do lixo, limpeza e auga

Burela, 19 de maio de 2015.- O candidato do PSdeG de Burela, Alfredo Llano, anunciou que recuperará a xestión pública dos servizos de recollida de lixo, limpeza e auga “para que os seus beneficios se reinvistan no pobo”. No eido dos servizos públicos e o medio ambiente, os socialistas tamén apostan pola construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais “adaptada ás necesidades” do concello, e xestionar a limpeza dos lodos do embalse de Rúa, “o que reducirá a dependencia actual de Río Cobo e abaratará o servizo de augas”

O proxecto de goberno que o PSdeG burelés presenta a estas eleccións municipais tamén inclúe novas actuacións para rematar a dotación da rede de saneamento naquelas zonas que non a teñen ou é insuficiente, e a mellora do punto limpo. Se obtén a confianza dos veciños para gobernar, o PSdeG, segundo avanzou Llano, habilitará zonas para mascotas “nas que poidan facer as súas necesidades sen ensuciar o pobo” e perseguirá “o incumprimento das ordenanzas sobre mascotas en canto a limpeza e obrigas dos donos”. Tamén promoverán a creación dunha protectora de animais comarcal, xunto con outros concellos, que atenda aos animais abandonados.

Os socialistas de Burela continúan con encontros cos veciños de todos os barrios. Este martes estiveron na zona do centro, no Parque Rosalía de Castro e na rúa Pardo Bazán. Entre este mércores e o xoves reuniranse con diversos colectivos sociais e o venres celebrarán no Salón de Conferencias un acto de fin de campaña, que incluirá unha charla coloquio e actuacións musicais.

Exit mobile version