Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Burela revisará o PXOM, “que o PP aprobou sen consenso, para mellorar o modelo de concello”

Burela, 16 de maio de 2015.- O PSdeG de Burela revisará e realizará modificacións puntuais no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado neste mandato polo PP “sen consenso”, co fin de “mellorar o modelo de concello e adaptalo ás necesidades de todos os veciños e veciñas”, subliñou o candidato socialista, Alfredo Llano. Unha das cuestións que Llano propón modificar é o trazado previsto da variante para afastalo o máximo posible da vila, “algo que acordaron de xeito unánime os veciños e que o PP ignorou”.

No eido urbanístico, os socialistas tamén se comprometen a eliminar por completo as barreiras arquitectónicas, un proceso “que iniciamos durante o noso goberno e sobre o que Partido Popular non fixo nada”, ademais de promover plans locais de atención ás persoas con discapacidade “con medidas coordinadas polas diferentes áreas municipais e consensuadas cos colectivos afectados”, explicou o alcaldable.

Se recupera o goberno, o PSdeG tamén promoverá a peonalización ou semipeonalización de rúas para conseguir un pobo “moderno, accesible e para as persoas”. Mellorarán as áreas de esparexemento, como o a de Monte Castelo, O Cantiño ou A Marosa, para potenciar o seu atractivo turístico, e modernizarán o Parque Rosalía de Castro. Outra aposta dos socialistas é a posta en valor das zonas históricas de Burela, como Vila do Medio, Castros, Burela de Cabo… como atractivo cultural e turístico.

Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estará este domingo en Burela, onde acompañará á candidatura socialista nun encontro coas asociacións de veciños de Casas Baratas “para atender os seus problemas e necesidades especiais”, sinalou Llano. O encontro terá lugar ás 19.15 horas no parque da zona.

Exit mobile version