Viveiro, 20 de maio de 2015.- A alcaldesa en funcións de Viveiro e candidata do PSdeG, María Loureiro, subliñou este mércores que os socialistas “defenderemos ata o final” o trazado da variante “que ten o apoio de todos, menos do PP”. “Sempre reivindicamos, e seguirémolo facendo, que a Xunta acometa o proxecto que foi aprobado por todos, de xeito unánime, e que de maneira unilateral o Partido Popular cambiou para apostar por un trazado que acaba co val de Magazos”.
Loureiro reuniuse o pasado domingo cos veciños desta zona para expresarlles o seu total apoio, garantíndolles que, se o PSdeG segue gobernando en Viveiro, recorrerá se é necesario ao Tribunal Supremo a decisión da Xunta de modificar o trazado da estrada, un paso xudicial que os propios veciños xa teñen decidido dar.
“Esta é unha das mellores mostras de que o Partido Popular actúa de costas aos veciños, sen importarlles o que pensan, e, fronte a iso, estamos os socialistas, que sempre escoitamos as propostas da xente e tratamos de atendelas”, asegurou a candidata socialista.
María Loureiro sinalou que a variante da Vía de Alta Capacidade é “unha infraestrutura vital para o futuro de Viveiro, para a vertebración do territorio e para que non quedemos marxinados na comarca das comunicacións por estrada despois da apertura da A-8”. Nesta infraestrutura, engadiu, “Viveiro sempre foi o gran esquecido. Durante anos coincidiron os Gobernos municipal, autonómico e central do Partido Popular e Viveiro foi o gran marxinado”. “A Xunta debe deixar de ignorar a vontade da xente e desbloquear a variante”, afirmou Alcaldesa en funcións.