Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Viveiro destaca o investimento de 6,7 millóns de euros que acadou o goberno socialista dende o 2011

Viveiro, 14 de maio de 2015.- A agrupación socialista de Viveiro destaca que a labor do goberno municipal do PSdeG permitiu facer investimentos na localidade por valor de 6,7 millóns de euros só nos últimos catros anos, ben con fondos propios, ben coa colaboración doutras administracións, nomeadamente da Deputación de Lugo.

Entre a dotación e mellora de servizos e infraestruturas impulsados, os socialistas viveirenses destacan a urbanización e rexeneración do núcleo urbano do Celeiriño, a pavimentación e dotación de servizos urbanos nas beirarrúas de Xunqueira a Magazos, o aglomerado das estradas de Valcarría e Galdo, a dotación de equipamento deportivo para o campo de fútbol de Cantarrana e Celeiro, e para a biblioteca municipal (no antigo consistorio), o convenio con FEVE para a reforma da ponte de Verxeles, a dotación de contedores soterrados, o acondicionamento da muralla medieval fronte á praza de abastos, a dotación de servizos na área recreativa de Celeiro e a rexeneración de camiños rurais, ademais do parque ambiental do paseo marítimo e a reordenación do tráfico, a máis grande das últimas décadas, recentemente implantada.

Subliñaron tamén as medidas adoptadas para reducir a factura enerxética das instalacións municipais, o que permitiu dedicar estas partidas aforradas a investimentos. Para baixar o consumo de enerxía, instalouse unha caldeira de biomasa na piscina, na que se mellorou a cuberta e o sistema de climatización; dotouse de paneis solares térmicos ao polideportivo municipal e mellorouse a eficiencia do alumeado público no medio rural.

Na actualidade, está adxudicado o proxecto de rexeneración do parque ambiental de Parquemar e a reposición do firme en camiños do rural, e estase executando a pavimentación e dotación de servizos no tramo comprendido entre a Pescadería e a Praza Juan Donapetry da LU-P-6605.

Exit mobile version