Site icon Crónica3.com A Mariña

O Santo Estevo do Ermo, protexido e custodiado

santo-estevo-ermoA Irmandade Santo Estevo vén de asinar un acordo de custodia do territorio con propietarios de parcelas desta fraga barreirense. Este contrato, o primeiro que se asina na Mariña Lucense, implica o compromiso do colectivo en colaboración cos propietarios, por espazo de 25 anos prorrogables, a conservar a diversidade biolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural deste lugar, garantindo que os usos e acitvidades que se leven a cabo nestas parcelas sexan respetuosos co entorno e garantan a posta en valor deste espazo natural, único no concello polo seu patrimonio cultural, ambiental, histórico e inmaterial.

O obxectivo da Irmandade nestes terreos de máis dunha hectárea, nunha primeira fase do proxexto, será levar a cabo a eliminación da flora exótica invasora e a plantación de especies autóctonas, partindo dentro do posible de individuos trasplantados da mesma fraga, coa fin de evitar a contaminación xenética. Durante a realización dos traballos e unha vez rematado o proxecto, este espazo natural serviría como esceario de educación ambiental dirixido aos nenos e nenas dos colexios do concello.

Dende a Irmandade Santo Estevo, agradecen a boa disposición e colaboración dos propietarios destas terras, situadas no mesmo corazón da fraga e colindantes coa capela. Son parcelas que na actualidade non están a ser aproveitadas para producción forestal e que os propietarios poñen en mans deste colectivo, mediante acordos de custodia, para o aproveitamento medioambiental. A recuperación destes espazos é indispensable para garantir a conservación das especies florais do soutobosque e a fauna autóctonas.

Asimesmo, o colectivo Irmandade Augas Santas organiza para este vindeiro sábado 9 de maio un roteiro arqueolóxico e ambiental pola fraga do Santo Estevo, na que colaboran varias asociacións locais e autómicas, ademáis da Deputación Provincial de Lugo. Estas son: Maremasma (Foz), Ollomao e Irmandade San Caetano (Barreiros), Erebia, Mariña Patrimonio e Adega. O roteiro será guiado, ademáis da entidade organizadora, por técnicos de medio ambiente e arqueoloxía que, logo do xantar, participarán nunha conferencia-coloquio aberta no mesón parrillada “O que che dixen”, en Reinante. Visitarán os restos arqueolóxicos do cemiterio e antiga capela de Santo Estevo da Ribeira do Masma (Século IX), construccións das ermitañas, ponte medieval e antigas minas de ferro, de onde se sacaba o mineral para a fábrica de Sargadelos. No apartado medioambiental, poderase contemplar a beleza de endemismos coma os felgos xigantes relictos do período Triásico, a sacabeira rabilonga, o caracol de Quimper ou algunhas especies protexidas de morcegos. Mediante esta actividade, os organizadores reivindican a recuperación e protección deste espacio natural para o que a Irmandade Santo Estevo xa tén presentado no Concello de Barreiros en xaneiro do ano pasado un proxecto para a protección deste ecosistema, solicitando a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). No seu día, esta iniciativa foi apoiada tanto polo goberno local (PP) como polos partidos da oposición (BNG E PsdeG), sen que polo de agora se teñan máis novas ao respecto.

IV Festival Histórico Augas Santas
A seguinte actividade organizada por este colectivo barreirense será a celebración do IV Festival Histórico Augas Santas, que este ano cadra o sábado 20 de xuño e para o que, polo de agora, os organizadores prefiren non facer un adianto do programa.

Exit mobile version