Site icon Crónica3.com A Mariña

O venres 8 de maio ás nove da mañá ábrese no Concello de Ribadeo o prazo para solicitar cita para facer a declaración da renda

Ribadeo, 6 de maio de 2015.- Un ano máis o Concello ribadense facilitaralle á veciñanza a realización da declaración da renda. Será a través do servizo que pon en marcha xunto coa delegación da Axencia Tributaria de Lugo, que desprazará a Ribadeo a un funcionario para axudarlles a facer a declaración da renda gratuitamente aos que así o demanden. Os interesados poderán solicitar as súas citas a partir deste venres, 8 de maio, ás 9 da mañá desprazándose ata o Concello, segundo informou no día de hoxe o alcalde, Fernando Suárez.
 
O rexedor dixo que “como todos os anos desde xa hai bastantes o Concello de Ribadeo en colaboración coa delegación da Axencia Tributaria de Lugo pon en marcha un servizo para asistir aos veciños e veciñas, que así o demanden, na elaboración da súa declaración da renda. É un servizo moi demandado e valorado e o que persegue é achegar a administración ao cidadán”.

Suárez Barcia subliñou que “só se dará unha cita por persoa, para que chegue ao maior número de xente posible. E para anotarse haberá que achegarse ata o Concello. Para dar as citas, para que a xente difunda esta noticia e para que non haxa queixas o que imos facer é comezar a dar as citas o venres, 8 de maio, a partir das nove da mañá. Non fai falla que a xente se aglomere porque haberá citas suficientes para todo o mundo”.

O alcalde insistiu: “para pedir cita será a partir deste venres e despois un técnico da Axencia Tributaria desprazarase a Ribadeo a partir de mediados de maio. Animo a todos os veciños e veciñas a que demanden as súas citas. Estamos encantados no Concello de poder ofrecer, un ano máis, este servizo”.

Exit mobile version