Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas da provincia renovan a súa web coincidindo co arranque das eleccións municipais

LUGO, 7 DE MAIO DE 2015.- O Partido Socialista da provincia de Lugo afronta o inicio do período electoral para as municipais do 24 de maio cunha intensa actividade ao longo de todo o territorio provincial e cunha imaxe renovada da súa web.

Co pistoletazo de saída da campaña electoral ás 00:00 horas do 8 de maio, comezará a funcionar tamén nova imaxe da páxina do PSOE provincial á que todos aqueles que estean interesados poderán acceder a través da seguinte URL: http://psoeprovincialdelugo.com/.

A intención da executiva provincial é presentar unha web máis moderna e mellorar a accesibilidade da cidadanía á información que esta contén. Coa nova imaxe, identifícanse dun xeito máis sinxelo as diferentes zonas da estrutura da páxina, facéndoa máis navegable e, polo tanto, máis próxima á cidadanía.

Campaña de proximidade
Esta proximidade é o que busca o PSOE nesta campaña electoral, manifestación das propostas de goberno socialistas: abertas e transparentes, atendendo ás necesidades e demandas da cidadanía e favorecendo a súa participación na toma de decisións que incumben aos seus concellos como é o caso dos orzamentos participativos. Inclúe un planteamento de xestionar os recursos dun xeito eficaz, realista e equitativo, para que ningún cidadán ou cidadá se vexa prexudicado. En definitiva, os gobernos socialistas serán gobernos abertos a todos, que gobernan por e para todos os veciños e veciñas dos municipios, non como eses gobernos que soamente buscan o beneficio duns poucos.

Neste senso, o secretario Provincial –Juan Carlos González Santín- indica que as listas do PSOE dos municipios da provincia son unhas listas gañadoras, constituídas baixo a máxima da responsabilidade e compromiso de servir á cidadanía. Por iso, as candidaturas son unha representación da sociedade na que se presentan, coñecedoras dos problemas e necesidades que están a sufrir os seus conveciños e conveciñas e traballarán con esforzo e ilusión por darlles unha solución.

43% de renovación nas listas
Segundo manifestou González Santín,”estamos moi satisfeitos da constitución das listas nos 67 concellos da provincia que veñen a renovarse nun total de 29”. Neste senso, indicou que por partidos xudiciais a renovación foi a seguinte: Chantada nun 28´5%, A Fonsagrada nun 20%, Mondoñedo nun 61%, Monforte o 55´5%, Vilalba o 50% e Lugo o 31´81%”.

Ademais dos datos de renovación o secretario lembra que “para nós é importante cumprir coa paridade, e neste senso, o 32% das candidaturas da provincia están encabezadas por mulleres, unha delas, a de Trabada é a candidata de menor idade da provincia”, e engadiu “ o partido xudicial de Chantada é o que ten un maior índice de alcaldables femininas cun porcentaxe do 71 por cento, xa que dos 7 concellos que o compoñen, 5 candidatas son mulleres”.

“Gobernar para a Maioría”
Arranca así unha campaña electoral para “Gobernar para a Maioría” coa que os socialistas percorrerán a provincia de Este a Oeste e de Norte a Sur ao longo dos 15 días de duración e cunha media de 7 actos diarios nos que participa a executiva provincial, ao que hai que sumar os organizados por cada unha das agrupacións locais. O obxectivo é facer chegar as propostas do PSOE ao maior número de cidadáns para que coñezan que “outro xeito de gobernar é posible, sen recortes, sen inxustizas, sen discriminacións”.

Exit mobile version