Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas volven retar ó rexedor de Foz para que facilite un listado coas empresas contratadas polo Concello

O pasado día 10 dos correntes o PSdeG-PSOE de Foz e o candidato, Jaime Cancio, invitamos publicamente ó Alcalde en funcións e o seu equipo de goberno a facer público o listado de empresas, que mediante a CONTRATACIÓN DIRECTA SEN PUBLICIDADE, foron adxudicatarias de obras ou servizos nos últimos catro anos no Concello de Foz.

Ante esta invitación moderada en honor a transparencia, a honestidade e as boas formas de administrar o diñeiro público dos veciños de Foz, vemos que o Alcalde en funcións, o seu equipo de goberno e o PP de Foz fan oídos xordos e miran para outro lado e engúrranse sen dar as oportunas explicacións.

Por iso, queremos recordarlles que é bo e importante que o pobo de Foz coñeza de primeira man estes datos, xa que todos os días se escoitan comentarios polas rúas que dan lugar a sospeitas en canto a transparencia de xestión municipal do goberno popular.

En consecuencia, os socialistas de Foz retamos o Alcalde en funcións a que se atreva, que non se faga o esquecido, que non se despiste falando de outras cousas, que non teña medo e, o que sería máis grave, que non imite outras condutas moi frecuentes do Partido Popular, para nada honestas nin transparentes, e de resposta co listado de empresas solicitado.

Agardamos por tanto que esta vez dean a cara con transparencia, compromiso cos veciños de Foz e con valentía, sen insultos e con tranquilidade publiquen o listado de empresas que lles pedimos, salvo que pretendan negarlles o dereito á información os veciños de Foz porque teñan algo que ocultarlles.

Jaime Cancio (candidato do PSOE de Foz).

Exit mobile version