Site icon Crónica3.com A Mariña

Reparando unha inxustiza: Cervo volve a ser capital galega de acuicultura

Ata en tres ocasións, socialistas e nacionalistas dixeron NON, negáronse a apoiar a posibilidade de que o polígono industrial da Cuíña fora incorporado ao plan que establece os emprazamentos onde se autoriza a posta en marcha de novas piscifactorías. Por iso a ninguén debe sorprenderlle unha afirmación tan contundente como que, si de PSOE e BNG dependera, hoxe a ampliación das instalacións da granxa acuícola en Cervo non podería ter lugar, perdendo máis de 24 millóns de euros de inversión e entorno a 70 novos postos de traballo.

Os populares fomos moi críticos sempre ante a decisión do Goberno bipartito da Xunta de excluír ao polígono de Cuíña do plan acuícola. Non había razóns técnicas que xustificasen esta trato discriminatorio. O polígono tiña solo dispoñible, próximo ao mar, con condicións ambientais e de calidade das augas inmellorables. O boicot só podería xustificarse por razóns políticas. O bipartito non quería xerar oportunidades de emprego nun concello gobernado polo PP e onde PSOE e BNG acumulaban múltiples fracasos electorais.

Quen era conselleira de Pesca daquela, a socialista Carmen Gallego, nunha visita á actual piscifactoría confirmou o bloqueo. Maldita hemeroteca. Pero por si fóra pouco os responsables locais e autonómicos de PSOE e BNG, lonxe de poñerse do lado de Cervo, déronnos as costas e argumentaron a favor do bloqueo, entre eles, dous nomes propios: Lara Méndez e Xoán Antón Estua, ata o seu recente abandono da primeira liña política local, os portavoces da oposición. Ela aseguraba que Cervo non pediu a inclusión do polígono de Cuíña no plan acuícola –feito desmentido pola alegación formulada polo Concello ante a Xunta o 29/08/2007- e o outro que as piscifactorías contaminaban, argumento desmentido por todas as análises da auga.

Primeiro, a Xunta do bipartito desestima a alegación formulada polo Concello de Cervo: non poderían facerse novas piscifactorías, nin ampliar as existentes. Despois no Parlamento de Galicia (3/12/2007) PSOE e BNG votan en contra da iniciativa do Grupo Popular, da que é autor quen subscribe esta carta, para rexeitar esta exclusión e, para rematar, socialistas e nacionalistas votan en contra da moción do Grupo Popular no Pleno municipal (30/1/2008) na que se instaba literalmente a “incluír o Polígono de Cuíña, situado no termo municipal de Cervo no Plan Acuícola”. Ata en tres ocasións negaron ao seu concello.

Por fortuna o cambio de Goberno, a vitoria de Alberto Núñez Feijóo e a conformación dun goberno de progreso en Galicia, permitiu tamén un cambio de postura. A Xunta si autorizou o polígono de Cuíña como emprazamento para a ampliacións das piscifactorías existentes ou a creación de novas empresas acuícolas. De feito reservou, a maiores dos espazos actuais, 150.000 metros cadrados máis de novos terreos para proxectos acuícolas. O polígono de Cuíña, único en Galicia pola súa proximidade ao mar, volveu a facer de Cervo a capital da acuicultura. O PP deulle un auxe a un espazo empresarial con moitas posibilidades, aberto a máis posibilidades de xerar riqueza e emprego.

Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento e 1º Tenente Alcalde de Cervo

Exit mobile version