Site icon Crónica3.com A Mariña

Resolto o Ben Empregado 1 coa inserción laboral de 248 desempregados lucenses

A Deputación resolveu o Ben Empregado 1, un macroproxecto de fomento do emprego co que 248 desempregados lucenses acadaron un posto de traballo de calidade, posto que os seus contratos inclúen claúsulas sociais, en 219 entidades e asociacións sen ánimo de lucro da provincia. A través do Ben Empregado 1, o organismo provincial subvenciona a contratación de ditos traballadores durante un ano con 4,4 millóns de euros.

O voceiro provincial socialista en funcións, Manuel Martínez, adiantou este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación que “o vindeiro luns, 1 de xuño, outros 76 lucenses desempregados, xunto con representantes das 47 empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia coas que asinarán os seus contratos laborais de xeito inmediato –a vindeira semana-, recibirán unha xornada formativa no Salón de Actos da Deputación”.

Martínez explicou que se tratan dos derradeiros beneficiados do Ben Empregado 1, que se suman aos 162 que xa accederon aos seus novos postos de emprego con esta programación, así como a outras 10 persoas cuxa contratación está a resolver o INEM. O voceiro salientou que “son, polo tanto, un total de 248 lucenses desempregados os que se insertan laboralmente na provincia co Ben Empregado 1”.

Ben Empregado 2
A Deputación continúa co desenvolvemento do Ben Empregado 2, a segunda edición deste macropoxecto que dará emprego de calidade a outros 350 lucenses desempregados. Neste caso, o organismo provincial subvenciona a súa contratación con 6 millóns de euros. O voceiro informou que “neste momento, estamos a avaliar as solicitudes presentadas polas máis de 1.700 entidades e asociacións sen ánimo de lucro da provincia que queren participan no Ben Empregado 2 e nas que traballarán os 350 lucenses desempregados que, posteriormente -é dicir, coñecidas as empresas e colectivos participantes, así como os perfís dos traballadores que buscan, e celebrados os procesos públicos de selección-, resulten beneficiados da segunda edición do Ben Empregado”.

Preto de 11 millóns de euros
A Deputación de Lugo, tal e como solicitaron os veciños nos Orzamentos Participativos da Deputación, os primeiros dunha institución en España, ofrece este programa de fomento do emprego co que busca, por unha banda, reducir o número de desempregados na provincia e, por outra, crear postos de traballo estables e de calidade.

Así, o organismo provincial dá, mediante as dúas edicións desta programación, traballo de calidade a case 600 lucenses desempregados, subvencionando a súa contratación durante un ano en empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia de Lugo, con preto de 11 millóns de euros (4,4 millóns de euros do Ben Empregado 1, e 6 millóns de euros do Ben Empregado 2).

O organismo provincial subvenciona ás empresas a totalidade dos custes salariais e de Seguridade Social dos traballadores durante un ano, con achegas de ata 22.000 euros por persoa, sendo a maior axuda que concede unha administración en Galicia para fomentar a contratación do persoal. Serán empregos de calidade, porque as entidades beneficiarias terán a obriga de incorporar cláusulas sociais en todos os contratos, blindando os dereitos dos traballadores. E serán tamén axeitados ás necesidades reais da provincia, unindo directamente a oferta coa demanda logo de escoitar aos tecidos asociativo e empresarial.

Exit mobile version