Site icon Crónica3.com A Mariña

Roberto Ramos anuncia unha ampla batería de proposta para fomentar o emprego incluída no seu proxecto de goberno municipal

RIBADEO, 4 DE MAIO DE 2015.- Os socialistas de Ribadeo celebraron este sábado 2 de maio a súa tradicional comida anual para conmemorar o Día Internacional dos Traballadores, evento que tivo lugar no hotel restaurante Voar. Antes da comida, no salón de actos da Casa Sindical ribadense, desenvolveuse unha charla sobre políticas de memoria histórica a cargo do investigador e escritor Santiago Macías.

Nos dous actos participou o candidato do PSdG-PSOE a alcaldía -Roberto Ramos Piñeiro-, e asistiron varios membros da lista que encabeza e da executiva local, co seu secretario xeral, Víctor López Pérez, ao fronte. Tamén estiveron outros afiliados e simpatizantes do municipio ribadense e representantes de distintas agrupacións socialistas da provincia de Lugo, de Asturias e de Madrid.

No seu discurso durante a celebración do Día dos Traballadores, Roberto Ramos avanzou algunhas das propostas para o fomento de emprego incluídas no proxecto de goberno municipal socialista para Ribadeo co obxectivo de dar solucións claras e firmes para o emprego fomentando o emprendemento, a creación de empresas e a contratación de persoas empadroadas en Ribadeo.

“Abriremos viveiros de empresas industriais para facilitar o acceso a solo industrial e infraestruturas tecnolóxicas a novas iniciativas; renegociaremos con SEPES o prezo do solo no polígono; reduciremos taxas municipais e estudaremos exencións para novas implantacións que garantan emprego estable e de calidade; crearemos unha bolsa de axuda a todas as empresas, autónomos e emprendedores pola contratación de persoas empadroadas en Ribadeo segundo un baremo de estabilidade e calidade do emprego, situación de desamparo ou exclusión social e potenciación de sectores estratéxicos do noso concello”.

A muller no emprego
Neste senso, tamén indicou que mellorará o coñecemento que ten a vila sobre as oportunidades de emprego que nela xorden para implementar itinerarios de inserción laboral. “Potenciaremos o papel da muller no mercado laboral fomentando medidas que permitan a conciliación da vida a través dun plan laboral feminino; realizaremos campañas de promoción de emprego estable a través do impulso a acordos de estabilidade; nos procesos de contratación do Concello engadiremos como un baremo para a obtención de contratos o nivel de estabilidade das plantillas; incluiremos cláusulas sociais que blinden as condicións dos traballadores das empresas que opten a concursos públicos do Concello; avalaremos a creación de pequenas cooperativas e outras fórmulas de traballo asociado para cubrir determinados servizos municipais; e favoreceremos a creación de emprego nas actividades e sectores emerxentes da economía rural”, concluíu o alcaldable.

Exit mobile version