Site icon Crónica3.com A Mariña

Teatro, poesía e agasallos na Festa das Letras Galegas de Fraga das Saímas

Santo André de Boimente, 11 de maio de 2015.- O colectivo de mulleres Fraga das Saímas vén de celebrar o sábado 9 de maio, no Centro Socio-Cultural de Sto. André de Boimente, a Festa das Letras Galegas-2015.

Os actos de homenaxe deron comezo ás 20.00 horas coa benvida da presidenta, Flor Chao, que aproveitou para agradecer ás máis de 60 socias, veciños e amigos do colectivo a súa asistencia á Festa da Lingua da Fraga das Saímas e aos que o colectivo feminino quixo dedicar esta celebración porque, en palabras da presidenta, “é de xustiza recoñecer e homenaxear a todas as mulleres e homes que coma vós empregan orgullosos día sí e día tamén o galego, tanto no traballo como na rúa, así como coa familia e cos amigos, contribuíndo a manter viva a nosa lingua, a manter viva a nosa cultura, o que nos leva a manter vivo o noso pobo e a nosa terra”.

Acto seguido un dos nenos da parroquia que asistiu á celebración, Brais Vázquez, recitou o poema “o idioma” do poeta chairego Manuel María.

Unha vez rematada esta lectura a presidenta deu paso ao Grupo de teatro O Bordelo, que durante máis dunha hora arrincou numerosos aplausos e risas do público coa representación da peza teatral “O reparto” do escritor, director e actor do grupo Francisco Piñeiro. O grupo cervense, que provocou o entusiasmo d@s asistentes á Festa da Lingua, é un grupo veterano que conta con 17 anos de experiencia e máis de 800 representacións e varios premios e certames teatrais de renome dentro do teatro aficionado galego.

Logo desta exitosa representación, a Directiva proxectou o vídeo “Gústame o Galego”, cuxos protagonistas eran os propios veciños e socias que participaran no “Fotocol” ‘Gústame o Galego’ promovido no 2014 pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua Galega dentro da súa campaña de dinamización do uso do galego. Tod@s @s protagonistas desta campaña foron agasallados cun exemplar deste vídeo.

Pasadas as 00.00 horas, e logo de rematada a degustación de petiscos e de churros con chocolate, a Presidenta do colectivo Fraga das Saímas clausurou a Festa da Lingua-2015 facendo entrega a tod@s d@s presentes dunha axenda de peto.

Exit mobile version