Site icon Crónica3.com A Mariña

Veiga destaca o traballo feito polo servizo de publicacións da Deputación que editou 150 libros nos últimos 4 anos

veiga-librosLugo, 29 de maio de 2015. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres o prezo público para 10 libros editados polo Servizo de Publicacións da entidade provincial de temáticas que van desde a historia local de varios concellos da provincia a catálogos artísticos, escolmas literarias e libros infantís.

En concreto, trátase dos títulos Apuntes sobre Ribadeo, Mondoñedo literario, Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século, Brinca o Río, sobre poemas de Xosé María Díaz Castro, o libro infantil A Casa de Vapor, Achádego Teatro. 25 Aniversario, e os catálogos artísticos Diálogos na Rede, Estudio Aberto, Arte e Natureza e Yolanda Dorda. Diálogos omitidos.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, destacou o “importante traballo” realizado polo Servizo de Publicacións da Deputación, que editou 200 volumes nos últimos 4 anos, dos que 150 son libros de distintas temáticas de interese para a provincia (historia, cultura, etnografía, literatura ou artes plásticas) e outros 50 publicacións do Museo Provincial que non se poñen á venda, como unidades didácticas, catálogos ou outro material da Rede Museística da Deputación.

Os catálogos do Museo envíanse a 200 entidades de todo o mundo
Veiga destacou tamén que “a maiores do traballo de edición e publicación faise un importante traballo de distribución, xa que os libros poden mercarse nas librerías ou no stand do Servizo de Publicacións da Deputación nas 5 Feiras do Libro que hai na provincia (Lugo, Monforte, Ribadeo, Foz e Viveiro), mándanse tamén gratuitamente a asociacións, centros de ensino e bibliotecas de toda a provincia e os libros e catálogos do Museo envíanse en intercambio a 200 entidades de todo o mundo, polo que tamén serven para levar o nome de Lugo por toda Europa e América, por exemplo”, explicou o vicepresidente.

A tirada media que se fai de cada volume está entre os 500 e os 1.000 exemplares e unha parte dos títulos edítanse tamén en formato dixital, en cd e compatible para ser lido en libro electrónico.

Exit mobile version