Alí, acompañados polo Dr. Carracedo, Catedrático e Director do Instituto de Medicina Legal de Santiago, e pola Dra. María García Murias, exalumna do centro, puideron coñecer de primeira man todos os procesos que conleva a investigación científica. Durante a visita recibiron as explicacións das diferentes liñas de investigación por parte dos responsables das mesmas, científicos, en moitos casos, de referencia tanto nacional coma internacional.
A excepcional relación do IES Vilar Ponte co doutor Carracedo remóntase ao curso pasado, cando impartira no centro vivariense unha conferencia sobre “A xenética e as súas aplicacións”, conferencia que tivera unha moi boa acollida entre os alumnos.
Xa pola tarde visitaron o Museo de Historia Natural na súa nova ubicación nos xardíns de Vista Alegre, onde puideron observar as completísimas coleccións sobre a biodiversidade terrestre e mariña, solos e xeodiversidade.