Site icon Crónica3.com A Mariña

A baixada do tipo impositivo da contribución ó 0,4% fai que os veciños de Burela paguen cantidades similares ás de 2014

Burela, 3 de xuño de 2015. O equipo de goberno en funcións do Concello de Burela manifestou hoxe que nos vindeiros días pasarase ao cobro o recibo da contribución urbana do presente ano, que ten como novidade que por primeira vez se tributará co tipo máis baixo que autoriza a normativa vixente, é dicir, o 0’4%.

Deste xeito afirman “queda absorbido gran parte do incremento que habería de non ter producido a baixa do tipo impositivo, tal e como se indicou no seu día. Se en 2014 o padrón en concepto de contribución urbana ascendía a 1.895.494 euros, en 2015 o padrón ascende a 1.911.830 euros. Isto supón un aforro total para o conxunto de veciños de aproximadamente 160.000 euros, ou sexa un aforro de 16 euros por cada un dos dez mil cidadáns que ten Burela”.

O equipo de goberno pon como exemplo “deste xeito, un piso de 115 m2 ubicado en Arcadio Pardiñas na zona de O Campón que pagou de IBI 228’15 euros en 2014, este ano pagará practicamente o mesmo, concretamente 229’80 euros. Na zona do centro, unha casa unifamiliar de dúas plantas e con finca anexa que pagou 295’61euros en 2014, en 2015 pagará 301 euros”.

Ademais, desde o goberno local en funcións afirman que os veciños tamén pagaron menos este ano polo imposto dos coches, polos bados e polo mantemento do cemiterio, en concreto un 0’5%.

Finalmente, o goberno burelés en funcións lembra que a revisión dos valores catastrais foi solicitada, tal e como se dixo en reiteradas ocasións, en decembro do ano pasado. Os traballos técnicos realizaranse durante este ano 2015; en 2016 se exporán ao público e se resolverán as alegacións que se presenten, e entrará en vigor con efectos de un de xaneiro de 2017.

Exit mobile version