Site icon Crónica3.com A Mariña

A Biblioteca El Viejo Pancho, orgullosa dos premios de catro lectores

premios-biblio-ribadeoRibadeo, 30 de xuño de 2015. O pasado venres, 26 de xuño, tivo lugar na Biblioteca Pública Municipal de Lugo o acto de entrega de premios da fase provincial do Certame Letras Galegas 2015 e como ven sendo habitual, a Biblioteca Municipal de Ribadeo estivo presente neste acto.

“Dende aquí queremos dar os nosos parabéns a Diego Iglesias Oliveros, que obtivo o 2º premio na modalidade de narración na categoría A, a Yanira Reimundo Barrios e a Antía Enríquez Martínez, 1º e 2º premio respectivamente na categoría C, e a Iria Vidal, quen na modalidade de Debuxo se fixo cun 2º premio na categoría C”, sinalan desde a Biblioteca Municipal de Ribadeo.

Para a Biblioteca Municipal de Ribadeo El Viejo Pancho “é un orgullo que as súas lectoras e lectores leven o nome de Ribadeo polo resto do país: moitos destes nenos e nenas premiados nos Certames literarios comezaron a súa aventura lectora na Biblioteca, e froito desa temperá dedicación van xermolando a fantasía e o espírito creativo (ben sexa en forma de palabras que compoñen historia marabillosas, ben sexa en forma de ilustracións fantásticas).Tentamos inculcar esa ansia lectora e creativa nos máis cativos, axudándolles a desenvolver a súa imaxinación e fomentando a aprendizaxe, o cal redunda en beneficios para o conxunto da sociedade: con esa finalidade, @s nos@s lectores e lectoras máis nov@s teñen o seu espazo diferenciable na sala infantil da Biblioteca”.

Por outra banda, tentando traspasar a vida da Biblioteca máis alá dos muros físicos do centro, nesta fin de semana vindeira, do venres 3 ao domingo 5, a Biblioteca Municipal de Ribadeo El Viejo Pancho vai estar presente na II Feira do Libro de Ribadeo achegando os seus fondos para manter aberta unha pequena sala de lectura, con diversas actividades programadas para @s máis cativ@s. Na Feira do Libro tamén se vai presentar A Casa do vapor. Contos de pícar@s imaxinando o tren, de Vilaoudriz a Ribadeo, froito da imaxinación de nenos e nenas da zona, que gustan dos libros e das bibliotecas.

Exit mobile version