Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora nas X Xornadas gratuítas de condución segura para persoas con discapacidade física, condutores noveis e maiores de 60 anos

pres-conducionLugo, 10 de xuño de 2015. Un ano máis, a Vicepresidencia da Deputación e a Asociación Basanta Motorsport organizan as X Xornadas de Condución Segura, que terán lugar este sábado desde as 09.00 ata as 21.00 horas no Circuíto da Pastoriza impartidas pola Escola de Condución PTC. Estes cursos están dirixidos e especialmente deseñados para 3 grupos de persoas que se poderían considerar grupos de risco a hora de circular polas estradas: persoas con discapacidade, condutores noveis e persoas maiores de 60 anos.

O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta mañá estas Xornadas, que se veñen celebrando desde o ano 2009. Acompañárono Avelino Basanta, piloto de rallys con discapacidade e impulsor das xornadas; a nacionalista Elva Carreira, tenente de alcalde do Concello da Pastoriza; e Antonio Solórzano, responsable de Perfeción Técnicas de Condución (PTC), empresa encargada de xestionar o circuíto da Pastoriza e levar a cabo estes cursos de condución segura.

Un dos obxectivos principais destas xornadas, que se celebrarán este sábado no circuíto da Pastoriza, é ofrecerlle ás persoas con discapacidade física a posibilidade de aprender a manexar en condicións adversas vehículos adaptados ás súas necesidades. O vicepresidente nacionalista destacou “o interese deste curso para todos os cidadáns, sobre todo nun país cunha climatoloxía tan adversa como noso”. “A seguridade vial é un tema que nos preocupa na Vicepresidencia da Deputación, xa que ademais o mundo do deporte do motor está moi afincando na nosa provincia e contamos con moitos afeccionados e pilotos. A nosa é unha aposta clara pola condución segura, por este mundo do motor e por suposto por colaborar con aquelas persoas con condicións diferentes, que poden desenvolver con todas as garantías este curso grazas a que no circuíto da Pastoriza contan cun vehículo adaptado”, apuntou Antonio Veiga.

Parte teórica, aspectos mecánicos básicos e condución en situacións adversas
O curso de condución segura comporase dunha parte teórica, na que se explicarán cuestións técnicas de condución e conceptos básicos de mecánica, e outra práctica, que se levará a cabo no propio circuíto e servirá para traballar aspectos como a perfección ao volante, así como para coñecer de primeira man situacións de risco que poden aparecer durante a circulación. “Imos ensinarlles condución en estrada, pero tamén a mirar o aceite do coche ou a cambiar as rodas. Despois de que máis de 300 persoas pasaran por estes cursos, dámonos conta de que a gran maioría non sabe o funcionamento real dos diferentes sistemas de seguridade dos vehículos, sistemas que sabendo utilizar correctamente evitan accidentes e salvan vidas”, explicou Avelino Basanta.

“Estes cursos debían ser obrigatorios despois de sacar o carné”
O piloto de rallys agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e defendeu que este tipo de cursos “debían ser obrigatorios unha vez sacado o carné de conducir”. “Os condutores mais novos, que acaban de sacar o permiso de circulación, pódese dicir que aprobaron un exame, pero á hora de enfrontarse á estrada no día a día non están preparados nin concienciados cos demais condutores, polo que un curso, no que poidan aprender nocións básicas dun vehículo (dispositivos de seguridade, mantemento básico, cambiar rodas, etc), técnicas de condución e ao mesmo tempo estar en contacto con persoas que poidan ser mais “torpes” a hora de conducir, ou ben con limitacións, pode ser unha boa lección de humildade e concienciación”, afirmou.

“As persoas con discapacidade, téñeno mais complicado a hora de sacar o permiso de circulación, e non digamos a hora de facer un curso de condución, xa que e difícil encontrar autoescolas e circuítos adaptados as súas necesidades, por poñer un exemplo, na provincia de Lugo, e dende fai poucos anos, só existe unha autoescola con vehículo adaptado”, explicou.

En relación ao terceiro grupo ao que vai dirixido o curso, as persoas maiores, Avelino Basanta afirmou que “as persoas maiores de 60 anos, fai tantos tempo que sacaron o carne e cambiaron tanto as normas e sistemas de seguridade dos vehículos que cremos firmemente que necesitan de estes cursos de actualización para refrescar a memoria e familiarizarse coas novas tecnoloxías”.

Concienciación dos condutores noveis sobre os riscos ao volante
Avelino Basanta tamén destacou a importancia de que estes tres grupos se coñezan entre si e saiban das dificultades que cada un deles pode atoparse ao volante. “Son tres grupos de risco e sempre procuramos que coincidan, mesmo no propio vehículo, para cada un vexa as habilidades dos outros e se dean conta de que, por exemplo, non se lle pode meter presa á xente maior. Por iso tamén facemos a comida todos xuntos e incluímos unha pequena charla, para que falen entre eles e coñezan as inquedanzas que teñen cada un dos grupos”, apuntou Basanta. A xornada dividirase nunha quenda de mañá e outra de tarde, e dun xantar-charla ao mediodía no que persoas con discapacidade concienciarán aos condutores noveis sobre os riscos ao volante.

A cada curso poderán asistir un máximo de 30 persoas, tendo preferencia as persoas con discapacidade. Aqueles que o desexen aínda están a tempo de apuntarse. A inscrición é gratuíta para os tres colectivos aos que se dirixe: persoas con discapacidade, condutores noveis e maiores de 60 anos. Poden inscribirse ou recoller máis información no número de teléfono 600527756, ou a través do seguinte enderezo electrónico: basanta.sport@gmail.com. As prazas están limitadas a 30 participantes, aínda que aquelas persoas que queden fóra nesta edición quedarán anotadas nunha listaxe preferente de cara a vindeiras edicións.

Exit mobile version