Site icon Crónica3.com A Mariña

A executiva provincial socialista súmase ao Día Mundial do Medio Ambiente, reivindicando a necesidade de reafirmar accións que inspiren a conservación e a mellora do contorno

LUGO, 5 DE XUÑO DE 2015.- A executiva provincial, con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, insiste na necesidades de reafirmar o compromiso de cada persoa cos valores e coas accións que deben de inspirar a conservación e a mellora do contorno. Neste senso, o secretario desta área –Eduardo Vidal Baamonde-, fai un chamamento a que cada persoa se transforme “nun axente activo do desenvolvemento sostible, mediante a sinatura dun convenio persoal coa planificación dos patróns de vida pola seguridade ambiental e, así, limitar as accións que supoñen un incremento de factores que favorecen o quentamento global”.

“É indubidable que a política chega tarde para evitar isto, pero ten o deber de facer o que estea na súa man para reducir o alcance das súas consecuencias e para prepararnos para vivir nunhas condicións distintas no lugar no que vivimos”, afirma. A este respecto, Vidal Baamonde considera “inaprazable tecer un grande acordo de país sobre a auga, pois as consecuencias da súa mala xestión, evidencian as debilidades e as ineficacias que se prevían hai tempo. O acceso á auga é xa un dereito humano e, como tal, cómpre blindar a súa cualidade de ben público”, destaca.

“Vivimos nunha provincia con privilexios que derivan da terra e do mar, na que se complementan case sen solución de continuidade a Mariña, a Terra Chá e a Montaña, na que é imprescindible garantir razoablemente a seguridade alimentaria e apostar por unha folla de ruta sostible no referente ao uso da enerxía e das políticas aplicables ao sector primario, pois só así superaremos as crecentes incertidumes que se pechan sobre os sectores relacionados co mar, coa agricultura, coa gandería ou co forestal. A súa dependencia da biodiversidade é o factor clave que debe de garantir a súa sostibilidade”, subraia. Por iso, conclúe, “con accións comúns e simultáneas, temos o deber de facilitar as condicións favorables de vida para o desenvolvemento do benestar dos nosos fillos e netos. Urxe, por tanto, explicar todos os mecanismos de cooperación entre os territorios para facer fronte a un risco que medra cada día”, remarca.

Exit mobile version