Site icon Crónica3.com A Mariña

A longametraxe ‘Dhogs’ rodarase na Coruña e Viveiro entre o 26 de xuño e o 1 de xullo

O vindeiro venres 26 de xuño comeza nas cidades de A Coruña e Viveiro a rodaxe da longametraxe Dhogs, película de ficción da produtora meirega Gaitafilmes coa coprodución de Pixelfilms.

Dhogs é unha película de historias diferentes que xiran en torno á figura de Alex, unha fermosa muller que se verá atrapada nunha espiral de inexplicables acontecementos.

O guion, escrito e dirixido por Andrés Goteira conecta seis tramas que alternan a intriga, a obsesión e a violencia. Un rapaz introvertido e a súa nai alcohólica, un taxista apático, un excarcelario, unha fermosa muller, un home de negocios e un vello exmilitar.

As diversas situacións que teñen lugar no transcurso da historia conducen a unha ruda mensaxe que, sutilmente, invita a meditar sobre os propios fundamentos da realidade, o libre albedrío e as ríxidas imposicións da censura social.

A película está protagonizada pola actriz lucense Melania Cruz, no papel de Alex, que sustitúe a Marta Larralde, debido a incompatibilidade de axendas. Entre o elenco de actores figuran nomes da talla de Carlos Blanco, Antonio Durán Morris, Iván Marcos, María Costas ou Celso Bugallo, entre outros. Ademais, para o sábado 27 está previsto que se rode unha escena no teatro Pastor Díaz que contará con máis de 100 extras.

A rodaxe comezará o venres 26 na cidade da Coruña e continuará os días 27 e 28 de xuño en Viveiro. Asemade, o día 28 gravarase unha secuencia nunha nave das Pontes de García Rodríguez. Finalmente, dende o 29 de xuño ata o 1 de xullo o escenario será de novo a cidade herculina. Nestes seis días filmarase a primeira fase da rodaxe de Dhogs, que se completará nunha segunda fase con localizacións desérticas, para a que aínda non hai datas confirmadas.

O filme Dhogs conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Meira, Galipizza e Cervexa Ancora e a colaboración, entre outros, dos concellos de A Coruña e Viveiro. Ademais, a produtora agradece todo o apoio dos máis de 200 mecenas que xa forman parte de Dhogs, así como de todas as persoas que dun ou outro xeito fan posible que este proxecto saia adiante.

Exit mobile version