Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación da II Festa Vintage de Foz inclúe menús e tapas da época na hostalería e ofertas especiais do comercio

pres-vintageFoz, 19 de xuño de 2015. Todo está listo en Foz para a celebración da segunda Festa Vintage, que organiza o Centro Comercial Aberto, o vindeiro 27 de xuño. O evento presentouse este venres no Concello de Foz coa asistencia do alcalde, Javier Castiñeira, e de membros do CCA e dos locais participantes.

O retorno aos anos 20 enmárcase dentro das actividades, que cada mes programa o Centro Comercial Aberto, co obxectivo de promocionar o seu comercio e a súa hostalería e para ofrecer alternativas atractivas aos veciños e visitantes.

Do 26 ao 28 de xuño coa Lei Seca varios locais hostaleiros ofrecerán menús e tapas vintage. Son: A Funcional, A Maseira, A Rula, Asoalta, A Viela, Bar 78, Anduriña, Dandy, Xoyma, Portovello, Marexada, O Lar, O Náutico, O Tangarte Mariñeiro, O Tangarte e Fina.

E os días 26 e 27 os clientes do comercio focense poderán beneficiarse de ofertas importantes. Ademais a avenida da Mariña, estará cortada ao tráfico rodado, o sábado, para acoller as actividades organizadas para os nenos e as nenas que acudan xunto aos seus pais á II Festa Vintage. Os rapaces estarán acompañados por monitores de animación. O mesmo 27 en Álvaro Cunqueiro haberá un mercadiño.

Desde a directiva do Centro Comercial Aberto explican que “ao longo do ano faremos máis actividades na avenida da Mariña para coñecer de primeira man os pros e os contras que pode implicar a semi peatonalización desta rúa. Queremos recoller cantos máis datos mellor sobre o que pode supoñer esa medida para o comercio da zona. Tamén faremos actividades en Álvaro Cunqueiro para coñecer con experiencias reais cómo pode funcionar todo isto”.

Os responsables do Centro Comercial Aberto animan “a focenses, visitantes e a toda a comarca a coller os seus traxes e os seus vestidos e a viaxar por un día á década dos anos 20, a principios del pasado século XX”.

Exit mobile version