Site icon Crónica3.com A Mariña

A Queimada e La Villa foron elixidos polo público do “Ribadeo de tapeo” como a mellor barra e a mellor tapa deste 2015

100615 Foto premiados Ribadeo de tapeoRibadeo, 10 de xuño de 2015.- O público que acudiu á décima edición do Ribadeo de tapeo elixiu como mellor tapa a elaborada polo restaurante La Villa de Vilaframil, e coma mellor barra a do bar A Queimada, de Ribadeo. Os nomes dos afortunados déronse a coñecer este mércores pola tarde no acto de entrega dos premios aos gañadores deste consolidado concurso gastronómico.

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou “a calidade das tapas que participan no concurso, que cada ano intentan superarse. Cada edición son mellores que as da anterior. Do que se trata é de ter argumentos dabondo para que a xente veña aquí a Ribadeo en tempada baixa e goce con esta oferta gastronómica e de actividades diversas”.
Pola súa banda a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, deulles a noraboa aos gañadores e finalistas do X Ribadeo de tapeo e tamén ás persoas que selaron os seus cartóns nas rutas propostas e que entraron en sorteos de ceas para dúas persoas en varios locais de Ribadeo, un vale de compra de 100 euros para gastar na praza de abastos, un paquete de estética, un curso de surf de tres días para dúas persoas, noites de aloxamento e almorzo na ruta do viño do Ribeiro ou noites de aloxamento en Ribadeo, entre outros.

Foron finalistas por decisión dun xurado profesional do Ribadeo de tapeo: O Alén, O Cabazo, Casa Pepe, A Dorada do Cantábrico, Galipizza, A Mirandilla, El Oviedo e Parador de Turismo de Ribadeo. Os propietarios, cociñeiros ou responsables destes locais recibiron diplomas acreditativos.

Os gañadores do concurso de tapas de Ribadeo foron o restaurante Tmos, que levou o primeiro premio; La Solana, que foi o segundo premiado; e AG Porcillán, que levou o terceiro premio. Os tres recibiron un diploma acreditativo, unha estatuíña e tamén catro mandís (para cada local) cunha serigrafía conmemorativa do Ribadeo de tapeo.

Os gañadores do público: A Queimada, como mellor barra; e La Villa, como mellor tapa, recolleron os diplomas e estatuíñas que os acreditan como tal. Ao finalizar o acto todos xuntos posaron para a tradicional foto de grupo.

Exit mobile version