No seu discurso, de sete páxinas, houbo tempo para o agradecemento polo apoio prestado para a súa familia e para o traballo realizado polos concelleiros saíntes do equipo de goberno: Xavier Campos, Teresa González e Horacio Cupeiro, así coma de ánimo para todos os novos membros da Corporación Municipal. Suárez Barcia aludiu aos retos acadados no pasado mandato: a residencia de maiores de Ribadeo e ao recoñecemento nacional e internacional que conseguiu o concello, entre outras cousas. E no capítulo de obxectivos para os vindeiros catro anos: “temos por diante un importante reto coa residencia de maiores. Estase a facer. Pero temos que lograr que a súa xestión acabe redundando positivamente nas nosas persoas maiores”. Tamén falou da praia de Augas Santas (As Catedrais), das novas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, do polígono industrial, “pero nunca deixaremos de valorar o que é o contacto directo tomando un café cun veciño, escoitando a unha veciña pola rúa, visitando un barrio o unha parroquia nun momento de apuro, acompañando a un colectivo oprimido nun acto de protesta contra algo inxusto”.
O discurso de Fernando Suárez investido hoxe, por terceira vez, coma alcalde de Ribadeo rematou con alusión a Eduardo Galeano: “non quero rematar este acto sen lembrar un autor polo que sinto moita admiración, finado hai uns meses: Eduardo Galeano. A súa concepción da utopía é para min un canto á esperanza. Hai futuro porque nós podemos facer o noso futuro. Facendo camiño na procura da utopía sempre avanzaremos. Por iso é tan importante ter un motivo polo que loitar, un referente cara ao cal dirixirnos. Ribadeo: referente comarcal; porta norte da Galiza; porto que nos abre ao mundo enteiro. Non se trata de tomar prestadas as ás de Ícaro e que se esfarelen en pleno vo. Non; nós, que tantos peregrinos vemos polo camiño, sabemos que paso a paso, pero de xeito constante, acádanse os obxectivos por moi ambiciosos que parezan. Que entre todas e todos sexamos quen de dar coa maneira máis acaída de levar á práctica os nosos proxectos e como dicía o noso mestre Castelao: o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades e as ideas en feitos. Que así sexa. Saúde, Patria e que viva Ribadeo”.
O acto rematou coa foto de familia da nova Corporación Municipal e do equipo de goberno.