En concreto, o curso impartirase os días 16, 17 e 18 deste mes de 16:30 a 18:00 horas no encoro de Río Covo e está dirixido a nenos de 8 a 12 anos. Para poder participar só é preciso inscribirse chamando ao teléfono 619 576 386 ou enviando un correo a piraguismosanciprian@gmail.com
Como é habitual, o alumnado do curso recibirá nocións básicas sobre este deporte acuático, e realizará pequenos percorridos en piragua. Os únicos requisitos para participar, ademais da idade, é que saiban nadar e que non teñan ningunha patoloxía que impida a práctica de exercicio físico, xa que todo o material necesario será achegado polo club.
Guillén asegurou que “esta é unha actividade coa que a sección de piragüismo abre as portas deste deporte á mocidade, promocionándoo dende as categorías de base e tentando que esta disciplina siga gañando adeptos”. Para o edil estes cursos de verán son “de moita utilidade para este obxectivo, xa que permiten aos nenos ter as súas primeiras experiencias coa piragua, probar e se lles gusta, continuar”.
Desta maneira, agradeceu ao club “a súa implicación na difusión do piragüismo” e manifestou o compromiso do Concello “para continuar apostando por esta disciplina e seguir colaborando co club como vimos facendo estes anos”.