Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta convida unha vez máis ao Concello de Ribadeo a sumar esforzos na protección e promoción da Praia das Catedrais

Lugo, 16 de xuño de 2015.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, reiterou este martes a disposición da administración autonómica a colaborar con outras institucións, nomeadamente o concello de Ribadeo, “ou calquera asociación ou colectivo comprometido coa conservación e promoción turística da praia das Catedrais”. “Tratase de sumar e de introducir todas as melloras que sexan pertinentes para aplicar o mellor plan posible”, dixo.

Neste senso, Arias subliñou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estivo sempre aberta a favorecer e promover o entendemento institucional e disposta a buscar o consenso entre todas as partes afectadas e implicadas, “como así queda acreditado coas diversas xuntanzas desenvoltas durante este tempo cos propios representantes municipais e con outros colectivos sociais”. “Fomos dilixentes e transparentes en todo este proceso”, recalcou, ao tempo que incidiu en que “estamos a cumprir escrupulosamente os prazos que tiñamos previsto e, de feito, o plan de protección deste monumento natural estará vixente o vindeiro 1 de xullo”.

A delegada territorial reprochou ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, “a airada e lamentable actitude da que fixo gala onte” durante o acto de presentación oficial do Plan de conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, que tachou de “impropia” dun representante público. “Coido que esta non é a actitude que queren nin esperan os veciños de Ribadeo do seu alcalde”, afirmou.

Arias lembrou que foi o propio alcalde ribadense o que urxiu á Xunta a poñer en marcha un plan de actuación que controlara o acceso ao monumento que garantira a súa protección. “Durante os últimos anos criticou incansablemente á Xunta porque, segundo afirmaba, a praia corría o perigo de morrer de éxito pola masificación de visitantes e non facíamos nada ao respecto. Fixémolo, pero segue a ter máis que dicir que ninguén; simplemente non podo crer tanta arrogancia”.

Pese a todo, a delegada territorial en Lugo, en aras de facer o mellor para a praia das Catedrais, reiterou a “vontade e disposición da Xunta a seguir traballando xuntos” e, nesa liña, adiantou que nos vindeiros días está previsto manter xuntanzas con diversos colectivos e asociacións de Ribadeo para explicarlles polo miúdo o contido do plan de protección e recoller as súas inquedanzas e aportacións.

Exit mobile version