Lugo, 5 de xuño de 2015.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, facilitará a contratación de 106 socorristas, que velarán durante o verán pola seguridade nas praias e piscinas dos 32 concellos da provincia que solicitaron este servizo, segundo anunciou a delegada territorial Raquel Arias.
A resolución foi adoptada esta mesma semana e iniciouse xa a comunicación da decisión aos concellos beneficiarios para que poidan realizar a oferta de emprego de xeito inmediato. O investimento en axudas para a contratación de persoal de socorrismo supera os 315.000 euros, cifra similar á dedicada o pasado exercicio, e incrementouse en catro o número do concellos beneficiarios.
Segundo explicou a delegada territorial, “as axudas da Xunta de Galicia permiten aos municipios da costa contar con persoal suficiente para a vixilancia das praias durante os meses de tempada alta, pero tamén benefician a municipios do interior que contratan persoal de salvamento nas piscinas e praias fluviais”.
Así, 77 socorristas encargaranse de garantir a seguridade no litoral, 22 en piscinas e 7 en praias fluviais.
Estas axudas enmárcanse na liña de cooperación administrativa entre a Xunta de Galicia e as administracións locais. Así, a consellería sufraga a totalidade dos custos laborais deste persoal durante os meses de xullo e agosto, mentres que os concellos realizan as xestións de selección de persoal e contratación.