Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta, o Ministerio e a CE de Agricultura, cómprices do ataque ao sector leiteiro galego

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2015.- O sector leiteiro galego estase a enfrontar a unha das peores crises da súa historia. Desgrazadamente, son xa varios os episodios críticos contra os que os gandeiros e gandeiras galegas tiveron que loitar con contundencia ao longo das últimas décadas mais, neste ocasión, “enfrontámonos a unha crise provocada polo fin do control público da produción e que deixa en mans das grandes industrias o sector leiteiro”, apuntou hoxe dende Galiza a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), quen onte participou na concentración de apoio ao sector convocada en Teixeiro.

Os ceses de recollida, con ou sen previo aviso, estanos a enviar varias mensaxes. Por unha banda, trátase dunha ostentación do poder coercitivo das industrias nun momento de especial relevancia histórica para o sector. En ausencia de control público, as industrias están a tentar normalizar a imposición da “lei da selva” a través de feitos consumados, deixando de recoller o leite. “Lamentabelmente as nosas peores predicións estanse cumprindo, estamos ante as consecuencias do fracasado “paquete lácteo”, que non é capaz de garantir nin a recollida, nin os prezos nin absolutamente nada para as produtoras e produtores”, reiterou Senra.

Por outra banda, estase a dar unha agresiva tentativa de reestruturación forzosa do sector eliminando as pequenas e medianas explotacións a favor da concentración da produción en explotacións de tamaño industrial. Dito desequilibrio forzado estase a facer nomeadamente a través da imposición de prezos, xa que, como denuncian as organizacións agrarias, na Galiza están abocando ás granxas á súa desaparición condenándoas aos 26/28 céntimos por litro -moi lonxe dos aproximadamente 34 cénts/L. que supoñen os custos de produción-, e estrangulando a un milleiro delas recolléndolles o leite a 18 cénts/L. Diante destes datos confírmase que o cento por cento do sector estase vendo obrigado a vender por embaixo de custos, non só deixando de percibir ganancias, senón afogándose nun endebedamento acelerado.

Diante desta situación “é gravísima a deixadez de funcións e irresponsabilidade absoluta da que están a facer gala a Conselleira e a Ministra”, criticou a eurodeputada de AGEe, “parece ser que, como nos dixo fai meses, a Ministra segue sen ter “oco na axenda” para reunirse co sector nin buscar solucións. É gravísimo que tanto Rosa Quintana como Isabel García Tejerina estean a mirar para outro lado. Esta situación aclara o interese que o Partido Popular ten no medio rural galego, é dicir, absolutamente ningún “.

Tamén resalta este aspecto o deputado de AGE Antón Sánchez, “o desleixo da Xunta é absoluto, está totalmente desaparecida, ausente dende antes do mes de abril”, o primeiro sen cotas. “Non está tendo comunicación co sector, nin conseguiu sentar á industria, distribución e produtoras/es inda que se lle pediu varias veces”, abondou Sánchez. “A Xunta non ten un plan para facer fronte ao fin do sistema de cotas”, advertiu, “salvo que o plan sexa precisamente este, desmantelar o sector”.
Para Sánchez, a Xunta está a se manter nun inmobilismo absoluto que implica o abandono total ao sector, “as industrias están extorsionando aos gandeiros e gandeiras diariamente, e a distribución segue a empregar o leite como produto reclamo, sen que o Goberno galego faga absolutamente nada”, e malia a que noutros países, como por exemplo en Portugal, “chegouse a multar con 2.400.000€ á distribución por vender por embaixo de custos, sancións que tamén foron aplicadas por gobernos autonómicos do Estado, como o de Murcia e Cantabria”. Estas sancións, inda que pequenas, “si que teñen significado, xa que afectan directamente á imaxe dos grandes centros de distribución”.

Como vimos denunciando dende fai meses, dende AGEe temos claro que a situación de abusos no sector por parte das industrias está propiciada pola liberalización do sector instigada dende a Unión Europea. “Esta crise pon de manifesto que a Comisión Europea e o Consello de Ministros/as teñen que buscar alternativas: unha política leiteira pública baseada na regulación da produción e dos mercados. O comisario Phil Hogan e a ministra Tejerina teñen que asumir dunha vez por todas que é urxente establecer esta nova política e que a consecuencia de non facelo é a destrución da pequena e mediana explotación e, polo tanto, a destrución de milleiros de postos de traballo no medio rural en toda a UE”, concluíu Lídia Senra.

Alternativa Galega de Esquerda seguirá traballando dende os Parlamentos galego e europeo facendo forza por levar a estes eidos as reivindicacións do sector e apoiando a etapa de mobilizacións á que veñen de dar inicio as gandeiras e gandeiros galegos.

Exit mobile version