Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe denuncia a precarización das traballadoras/es de Correos e o deterioro intencionado do servizo

240615xuntanza traballadores Correos rural8_1866x1400Bruxelas, 24 de xuño de 2015.- A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, mantivo este mércores en Bruxelas un encontro con traballadores de Correos que realizan o reparto en zonas rurais a fin de coñecer de primeira man as problemáticas deste servizo público e as condicións nas que se atopan as carteiras e carteiros.

Da totalidade das aproximadamente 2.000 persoas que traballan no reparto postal rural no Estado español a metade traballan na Galiza, constituíndo unha profesión de grande proximidade ca cidadanía, sendo nalgúns casos quenes manteñen un contacto máis periódico con persoas maiores que viven no rural ou persoas e familias que viven en zonas especialmente illadas.

Na liña da estratexia de forzar o deterioro de servizos públicos para facilitar a súa posterior privatización, intensificada polo actual Goberno do PP, o servizo xeral de Correos ven sufrindo distintos ataques dende os anos noventa, dando inicio ca aprobación da Lei Directiva Comunitaria 97/67/1997-, en consonancia ca sinerxia privatizadora iniciada en grande parte do territorio comunitario dende a década dos oitenta.

Este deterioro do servizo e das condicións laborais da plantilla[2] localízanse dun xeito moi significativo no medio rural, onde a precariedade que están a padecer as traballadoras/es de Correos identifícase en abusos como a esixencia de ter que aportar vehículo propio para facer o reparto, en ocasións tamén aportar o propio local de atención ao público a cambio dunha irrisoria compensación de 20€/mes ou zonas de reparto imposibles de realizar nunha xornada laboral, xa que poden chegar a ter 100 ou 150km. que deben facerse na mesma mañá para garantir o reparto diario en todo o territorio -na realidade hai zonas que quedan sen ser repartidas durante varios días-.

En canto ao servizo prestado, as persoas que viven no rural atópanse con oficinas de admisión de correo con horario reducido e servizos deficientes[3], unha significativa perda de contacto coa administración pública que pode repercutir negativamente na posibilidade de realizar xestións administrativas e enfróntanse mesmo á posibilidade de perder o propio servizo postal a domicilio se na súa zona se aplica a condición de “zona xeográfica especial”.

A eurodeputada de AGEe agradeceu a posibilidade de poder afondar na verdadeira situación na que se atopa este servizo público, e salientou a importancia de estender esta reivindicación á cidadanía, “todas as persoas temos dereito á igualdade nas comunicacións, vivamos onde vivamos”, lembrou, “temos que loitar con contundencia contra o desmantelamento dos servizos públicos se queremos ter un medio rural vivo”.

“Cómpre acadar unha implicación social que axude a visibilizar as actuais problemáticas e o deterioro intencionado dunha empresa que ten a responsabilidade de prestar un servizo de grandísima importancia para a cidadanía”, abondou.

No encontro mantido este venres establecéronse varias liñas de traballo a seguir, que comezará co rexistro de preguntas parlamentarias ao respecto tanto das condicións laborais das carteiras e carteiros, como da calidade do servizo prestado.

Exit mobile version