Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe: Loita social, vixilancia sobre as institucións e Feminismo para pasar das estratexias á realidade

Estrasburgo, 9 de xuño de 2015.- Na mañá deste martes votouse en sesión plenaria do Parlamento Europeo a estratexia da UE para a igualdade entre mulleres e homes despois de 2015, un chamamento á Comisión para adoptar unha nova estratexia de igualdade independente para os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero destinada a “crear a igualdade de oportunidades e poñer fin a tódalas formas de discriminación”.

O texto aprobado, tamén co apoio de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), fai fincapé na necesidade de “poñer fin a todas as formas de discriminación que sofren as mulleres no mercado laboral con respecto aos salarios, as pensións, a toma de decisións, o acceso aos bens e servizos ou á conciliación da vida familiar e laboral”, subliñando tamén a necesidade de articular coordenadamente medidas contundentes contra a violencia machista a nivel da UE .

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), valorou positivamente a aprobación deste documento sinalando que é “unha ferramenta máis para seguirmos loitando, como sociedade, contra o machismo”, mais advertindo “non é a primeira vez que se consensúan posicionamentos que logo só quedan no papel”.

Para Senra, “só ca loita e a presión que podamos facer socialmente, nas rúas, ca nosa acción diaria, ca nosa vixilancia sobre as institucións, mantendo fortes as reivindicacións do Feminismo, lograremos que estratexias como a aprobada hoxe deixen de ser só palabras e se convertan nunha realidade”.

Dende AGEe estaremos tamén especialmente pendentes da reacción da Comisión diante do mandato que se lle fai dende o Parlamento Europeo (PE) de presentar “canto antes” unha estratexia global sobre a violencia machista incluíndo un acto lexislativo vinculante. “Lamentabelmente, en sentido literal, vainos a vida niso”, recalcou a eurodeputada galega, “só no que levamos de ano os datos oficiais falan de 14 asasinos machistas no Estado, incluído o de María Isabel o pasado 8 de maio”, precisamente mentras estaba ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) logo de ter sido brutalmente atacada polo mesmo home que finalmente a asasinou, “datos aos que, segundo as últimas informacións coñecidas, temos que engadir tamén a Socorro Pérez, ademais de a todas aquelas mulleres que non están recollidas nas cifras oficiais”.

Para Senra, esta situación “evidencia a arrepiante falla de responsabilidade ca que os distintos Gobernos están a obviar o carácter estrutural da violencia machista. Para cando van asumir que vivimos nunha sociedade na que as mulleres, polo simple feito de sermos mulleres, estamos baixo o perigo constante de sermos atacadas ou mesmo asasinadas?”.

Exit mobile version