Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares foi proclamado alcalde de Cervo no acto de constitución da nova corporación

proclamacion_alcaldeCervo, 13 de xuño de 2015.- Alfonso Villares Bermúdez foi proclamado alcalde do Concello de Cervo durante o pleno de constitución da nova corporación conformada en base aos resultados das eleccións do 24 de maio nas que o PP obtiña a maioría absoluta. Villares recibía este sábado á mañá o bastón de mando da man do concelleiro de maior idade da corporación, Plácido Pérez, despois de prometer o seu cargo. Un acto no que ademais todos os edís prometeron ou xuraron o cargo e, en consecuencia, quedou conformada a nova corporación cervense.

Tras a toma de posesión Villares, que é alcalde de Cervo por terceira vez consecutiva, amosouse emocionado xa que “non hai maior grandeza que poder representar ao teu concello e, no meu caso, representar aos meus veciños é o máis grande que podo ter como cervense”.

Ao mesmo tempo, o alcalde fixo balance dos proxectos levados a cabo nos últimos anos e adiantou as liñas nas que traballará o novo equipo de goberno. “Todo o que fixemos nestes anos foi de boa fe, sempre pensando en mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, explicou.

En primeiro lugar fixo mención ao esforzo feito para conseguir a estabilidade económica das arcas municipais “sabendo que ese é o camiño para dispoñer de máis cartos para todos os servizos que queremos priorizar”. Tamén nomeou as áreas fundamentais de goberno, como o emprego: “Seguiremos facendo todo o posible para que as cotas de desemprego sexan menores”.

No caso do medio ambiente centrouse no servizo de saneamento “que faremos chegar a todos os núcleos, burgos e aldeas do noso municipio”. E como reto “parello ao medioambiental” referiuse ao turismo. “Non podemos esquecer que Cervo é o corazón da Mariña, non só xeográfico senón tamén cultural, co grande peso da historia de Sargadelos. Polo tanto traballaremos polo turismo apoiados na nosa cultura e na nosa tradición pero tamén apoiados no noso medio ambiente”.

Tamén quixo referirse ás áreas da educación, o deporte ou a cultura, “nas que temos traballado con iniciativas propias pero tamén poñéndonos ao servizo de todas as asociacións e grupos que queren facer algo polo noso concello. Porque nós cremos que o pobo exprésase a través das asociacións, polo tanto elas son as que teñen que promover actividades e nós temos que ser esa administración necesaria e ao servizo dos veciños”.

“Todos somos cervenses”
Da mesma maneira, Villares puxo de manifesto a súa intención de conseguir que goberno e oposición “traballemos xuntos, da man, e tendo sempre a cordialidade que é necesaria en calquera sociedade”. “Todos os que estamos aquí temos algo en común: somos cervenses. E todos nós temos que traballar con unión e co máximo respecto a pesar das nosas diferenzas”. “Eu, pola miña banda, comprométome a seguir respectando a todas as persoas porque é a mellor maneira de traballar e mellorar Cervo”.

O rexedor tamén quixo facer un agradecemento expreso “a todas as persoas que confiaron en nós” e anunciou que “vamos ser o goberno de todos e eu vou ser o alcalde de todos”. Tamén deu as grazas “aos concelleiros electos e aos que non saíron pero formaron parte da nosa candidatura, e aos concelleiros que estiveron con nós estes anos e que fixeron un grande traballo. Sen esquecer aos compañeiros e amigos que sempre dades apoio e alento”.

Para rematar, Villares lembrou que este sábado é o día de San Antonio, e tivo presentes a dúas persoas “ás que sempre levo comigo no corazón: o meu pai Antonio e o meu fillo Antonio” así como outros membros da súa familia. Coas palabras de “viva o concello e viva Cervo” rematou o seu primeiro discurso como alcalde.

Exit mobile version