Site icon Crónica3.com A Mariña

Ao alcalde de Foz sorpréndelle o comunicado do BNG sobre a proposta para formar parte do goberno local porque tras as reunións coas dúas concelleiras do Bloque “a sensación era moi boa”

Foz, 23 de xuño de 2015.- Ao alcalde e presidente do Partido Popular de Foz, Javier Jorge Castiñeira, sorpréndelle o comunicado feito público este martes polo Bloque Nacionalista Galego local sobre a proposta para formar parte do goberno municipal, porque tras as reunións coas dúas concelleiras do Bloque “a sensación era moi boa”.

Javier Castiñeira manifestou que “ao Partido Popular de Foz chámalle moito a atención a contestación do BNG sobre as proposicións de formar un goberno municipal estable. Sorpréndenos posto que as primeiras reunións mantidas coas concelleiras do Bloque Nacionalista Galega ían noutro sentido, polo diálogo, pola bo camiño e polo respecto; e a verdade é que tíñamos unha sensación moi boa, independentemente de chegar a acordos ou non, que ata o de agora non se chegara a ningún posto só se fixo un ofrecemento por parte do Partido Popular”.

O alcalde focense engadiu que “é certo que as dúas concelleiras do BNG dixéronnos que se ía tratar na asemblea e que nunha seguinte reunión teríamos a contestación. Pero non foi así porque o Bloque Nacionalista Galego fíxoo por medio dunha comunicación de prensa. Chámanos á atención primeiro iso e despois o ton, porque o ofrecemento do Partido Popular foi claro e coa convicción de que pode ser positivo para Foz, tal e como ofreceron no seu momento tamén os membros do BNG durante toda a campaña. E sobre todo ese ton de reproches ao Partido Popular, que máis ben sona a outros e non á xente nova que levou ao Bloque Nacionalista Galego a ter dous concelleiros en Foz. Quizais obedece máis a outras voces ás que lles está custando saír da corporación municipal. Polo tanto seguimos con ese bo clima; quedámonos co talante das concelleiras e non co da asemblea do BNG. E, por suposto, aínda que non sexa cun goberno, trataremos de saír para diante con outro tipo de políticas, que poden ser con pactos puntuais, sempre e cando o resto dos partidos, tanto Plataforma ou o propio Partido Socialista, non acepten formar parte do goberno”.

Castiñeira tamén anunciou que “de momento o Partido Popular vai seguir esas conversacións durante esta semana e se non se chega a ningún pacto de goberno tratará de acadar acordos cos grupos para sacar adiante o pleno de organización e a partir aí aprobar os asuntos importantes. Pero está claro que o PP de Foz puxo todo enriba da mesa, cun talante completamente diferente e vémonos sorprendidos sobre todo por non térnolo transmitido como se quedou na primeira reunión, que era directamente entre os concelleiros e os portavoces”.

Exit mobile version