“Desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo, no noso afán por apoiar as distintas asociacións e por impulsar a cultura nas súas diferentes vertentes, un ano máis poñemos en marcha o programa Cultura sobre rodas, unha iniciativa coa que buscamos achegar a un público familiar actividades culturais de calidade, para complementar aquelas que xa realizan as propias asociacións, co obxecto de encher, dunha maneira alternativa e gratuíta, o tempo de lecer estival”, explicou Mario Outeiro.
Nesta ocasión, e dado o éxito do programa Cultura sobre rodas, que vai medrando en cada unha das súas edicións, ofrece dúas propostas diferentes: a primeira da man de Marionetas Trécola co espectáculo infantil Nº 8 da Rúa dos Contos, unha montaxe de factura propia, totalmente artesanal e para público familiar, creado en 1983, que ten a súa base no humor tradicional galego e que fai as delicias de grandes e pequenos.
A segunda proposta vén da man da compañía Boneca Lareta, con A última viaxe do Afiador, unha longametraxe documental en torno á vida dos vellos afiadores e coa que se pretende revivir a experiencia dos “cinemas de verán”. A última viaxe do Afiador acompáñase dunha exposición itinerante composta por unha roda de afiar, unha bicicleta e unha moto que explican a evolución do oficio e son unha pegada da historia da emigración galega. O museo acompáñao Florencio de Arboiro, etnógrafo e escultor que explicará ao público as particularidades de cada peza.
Aberto o prazo de solicitude
Coma en todas as edicións, para inscribirse no Cultura sobre rodas e solicitar as súas actividades, tanto o cimema de verán como o espectáculo de marionetas, as asociacións interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude que xa lles foi enviado e presentalo no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo. As funcións concederanse por estrita orde de chegada das solicitudes.
Durante a súa intervención, Mario Outeiro explicou que “o obxectivo do programa Cultura sobre rodas radica en potenciar o tecido asociativo dos concellos e parroquias, xa que son os pequenos colectivos os que máis traballan por desenvolver a actividade cultural de base, sobre todo nestes momentos de crise económica”, e fixo fincapé en que “a experiencia nos demostra que na maioría dos casos existe un compromiso máis firme por parte destas asociacións que dos propios Concellos”.
‘Nº 8 da Rúa dos Contos’ de Marionetas Trécola
Nº8 da Rúa dos Contos é unha obra de guiñol tradicional que aínda despois de tantos anos dende a súa estrea segue a impresionar e divertir ao público, tanto infantil coma adulto, cun guión orixinal de Teatro de Marionetas Trécola, retranca e humor popular galego.
No Nº 8 da Rúa dos Contos vive a Bruxa Papandreia. Todo o que nesta casiña entra…queda atrapado. Xinzo e Lelo, dous ladróns que non saben deste feitizo, deciden entrar para encher o seu saco. Co tempo, daranse conta do que alí sucede. Un lobo, o villeu e máis personaxes compartirán a súa aventura.
Duración: 50 minutos.
Público familiar.
Cinema de Verán ‘A última viaxe do Afiador’
A produtora Boneca Lareta presenta A Última viaxe do Afiador. Unha película documental en homenaxe a tres séculos de historia da emigración galega. A pegada duns homes e dunhas mulleres que percorreron os cinco continentes coa única compaña do xirar dunha roda.
Este proxecto consta dunha serie de actividades que pretenden a través da linguaxe cinematográfica achegar ao público o noso patrimonio cultural e etnográfico. As actividades inclúen a proxección do documental, coloquio co equipo da película, desprazamento ao lugar dun cinema móbil para a proxección e un museo móbil de rodas de afiar expostas o día da actividade.
“Queicoa”, significa en Barallete, a lingua dos afiadores; Deus, heroe, loitador, ser grande, mítico. Dende hai máis de tres séculos ata os nosos días, aos vellos afiadores de moita sona, moitos camiños e milleiros de quilómetros as súas costas, chámanlles “Queicoas”.
Eran homes bravos, duros, curtidos de traballar nos campos dunha das zonas máis probes de Europa. Por iso as montañas galaicas cuspíanos ao mundo en viaxe a ningunha parte e coa única compaña do xirar dunha roda. Se camiñaban, soñaban. Se afiaban, vivían. Se paraban, morrían. Esta é a súa historia e estes son os seus rostros.
Duración: 61 minutos.
Público adulto.