Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro, tras a renuncia de López Orozco: “Queda demostrado o engano do Sr. Besteiro a todos os cidadáns de Lugo”

11 de xuño de 2015.- “Estaba claro que José López Orozco non ía ser o próximo alcalde. Sabiámolo todos, incluído el mesmo, Besteiro e todo o partido socialista. A renuncia de Orozco é unha fraude colectiva á cidadanía”. O Portavoz do GPP no Senado e Presidente do partido en Lugo fixo estas declaracións tras coñecer a renuncia de José Clemente López Orozco a ser candidato do PSOE á alcaldía e á súa acta de concelleiro.

A renuncia facilita un pacto de esquerdas entre Lugo Novo, o BNG e o PSdeG, que impedirá que o candidato do PP, Jaime Castiñeira, sexa investido alcalde o vindeiro sábado. Neste sentido, José Manuel Barreiro quixo recordar “que a lista de Castiñeira foi por segunda vez a máis votada e que son pactos de perdedores os que impiden que se cumpra o desexo da maioría dos lucenses”.

Barreiro afirmou que “queda demostrado que o Sr. Besteiro enganou a todos os cidadáns de Lugo. Esa -matizou o Presidente Provincial do PP- é a súa forma de facer política: mentir para conseguir beneficios persoais e políticos”. José Manuel Barreiro recordou que durante a campaña electoral tanto el como o propio Jaime Castiñeira “advertiron aos votantes de que o PSOE presentaba na cidade unha lista cun candidato pantasma” porque “estaba claro que Orozco non ía ser alcalde xa que nin Santiago Fernández Rocha nin Rubén Arroxo pactaría con el por estar imputado”.

O Portavoz do GPP no Senado manifestou que “trala renuncia de Orozco queda claro quen di a verdade e quen engana aos cidadáns”, en referencia ao líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, que ata fai poucos días mantivo firme o seu apoio a Orozco. Barreiro pídelle “ao Sr. Besteiro que non se oculte, que dea a cara e explique a todos os lucenses o seu engano”. “Un engano -dixo o Presidente do PP de Lugo- que foi premeditado e que viñeron xestando durante toda a campaña electoral e que hoxe, ante a negativa de Lugo Novo e BNG a pactar, terán que materializar”. “A Besteiro fáltalle valentía para dar a cara pero os cidadáns non son parvos e saberán ver cal é a súa forma de facer política. Se mentiron antes de gañar as eleccións que farán agora cando asuman o poder”, dixo José Manuel Barreiro.

O líder do PP de Lugo explicou que “non ten ningún sentido que unha persoa que non se presentou como cabeza de lista ás eleccións e nin sequera é da cidade -en referencia a Lara Méndez, ata agora candidata á alcaldía de Cervo- convértase este sábado na nova alcaldesa de Lugo”.

José Manuel Barreiro pide ao líder xefe de filas dos socialistas galegos “que actúe coa coherencia que tanto predica, que non continúe enganando aos lucenses, que rectifique e que deixe gobernar á lista máis votada”.

Exit mobile version