Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela contará con 8 socorristas durante o verán, grazas a unha subvención da Xunta por importe de preto de 27.000 euros

Burela, 9 de xuño de 2015.- Burela contará con 8 socorristas durante o verán. A Xunta concedeulle unha subvención de preto de 27.000 euros ao Concello para este fin, segundo anunciou este martes ó mediodía o alcalde en funcións, José Mª González Barcia.

O rexedor explicou que “o Concello de Burela acaba de recibir unha comunicación na que se nos concede a contratación de 8 socorristas durante dous meses para este próximo verán que agora comeza para atender as praias do noso concello, tres delas con bandeira azul: A Marosa, Portelo e Ril. O importe total da subvención concedida é de 26.920 euros e a contratación é de supoñer que se faga dende agora ata o remate do mes para que poidan estar operativos o día 1 de xullo”.

González Barcia relatou tamén que “o Concello de Burela, a través do Centro de Formación Ocupacional que está situado no parque de Tíjola, vai impartir tres cursos para a formación para desempregados durante os próximos meses. Un deles é de auxiliar de servizos administrativos, outro é de promoción turística e un terceiro curso é de dinamización do tempo libre. Deste xeito vanse formar 15 persoas en cada curso; é dicir, un total de 45 persoas, que van ter acceso a un título pola súa participación, pero tamén, o que é máis importante, a un certificado de profesionalidade que acredita que estas persoas que rematen estes cursos van reunir as condicións imprescindibles para poder ser contratadas por empresas ou por administracións”.

O alcalde burelés lembrou que “a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia subvenciona ao 100 por 100 estes cursos e tamén hai que recordar que nos últimos 3 anos este departamento autonómico aportou practicamente 1.200.000 euros en subvencións directas e finalistas ao Concello de Burela para a formación de desempregados e para a contratación de persoal desempregado”.

E engadiu que “a selección de persoal para estes tres cursos vaise facer tamén nos próximos días, no momento en que chegue a comunicación oficial, e farase en primeiro lugar a través do Inem e despois xa a última selección vaina levar a cabo o propio Concello xunto coa Xunta de Galicia. O inicio previsto para estes cursos é dentro de aproximadamente un mes e medio ou dous meses”.

Exit mobile version